nota:
O sábado 2 de xullo o campo da festa acollerá unha xornada festiva e solidaria
A localidade de Uxes celebra o vindeiro 2 de xullo unha xornada solidaria en prol das persoas refuxiadas. O evento comezará ás 18:00 cunhas charlas sobre a situación actual dos exiliados pola guerra, ao tempo que os nenos poderán gozar de xogos infantís; despois haberá un cabaret de circo, teatro e maxia, e ás 20:00 comezará a churrascada popular. Dende as 21:00 terán lugar os concertos de Perfusión, Folkólicos, Chotokoeu e Hadri Hache.
As charlas serán a cargo de colectivos e particulares coñecedores da situación real e actual das persoas refuxiadas, entre eles o Catedrático de Dereito da UDC Jorge Quindimil; Nour al Hussen, activista siria en Galicia; e os colectivos AIRE e Plataforma Coruña contra a Guerra. As palabras serán acompañadas tamén de imaxes e proxeccións co obxectivo de informar e sensibilizar ante a problemática das migracións forzadas pola guerra.
Pensando nos nenos e nenas que vaian a este evento, haberá xogos infantís e tamén o cabaret de circo, maxia e teatro, que de seguro farán as delicias de rapaces e maiores. En canto á música, gozaremos da actuación de Perfusión que, dende Arteixo, traen unha mestura do tradicional galego e africano en forma de percusións, gaita e danza. A continuación, Folkólicos, emblemático grupo de Coruña que combina folk e rumba para facernos cantar e bailar. Seguirá a festa con Chotokoeu, banda afincada na vila de Uxes que, coa súa proposta de balkan, rock e swing contaxiarán de enerxía positiva aos asistentes. Como peche do evento estará o picadiscos Hadri Hache.
Este evento solidario estase a levar a cabo coa colaboración de varios colectivos: Chotokoeu, a Asociación Cultural Vibra, AIRE (Bombeiros de Arteixo), Asociación de Veciños de Uxes, e unha ducia de entidades.
Os beneficios da barra e o xantar irán destinados aos proxectos desenrolados nos campamentos de Katsikas, Doliana e Tsepelovo a través da organización non gubernamental A.I.R.E.
Pasalo ben e contribuir a unha causa é posible, o día 2 de xullo no Campo da Festa de Uxes (Arteixo), con charlas, circo, maxia, teatro e música para todos os públicos.