Os vintecinco anos de traxectoria dos valencianos Doctor Divago celebráranse como a ocasión merecía: o libro “En tierra de nadie. 25 años de Doctor Divago” por Mariano López Torregrosa, o compilatorio “Especial de la casa” e o documental “Los tontos buenos tiempos”, dirixido por Rubén Soler. Dez anos despois, e coa banda nun estado de forma impecábel, chega un disco tributo polo seu trixésimo e terceiro aniversario. Se ao longo da súa traxectoria os Divago xa participaron en discos onde versionaban Los Brincos, Bob Dylan, 091 ou Alaska, agora tócalles a eles a homenaxe con Javier Pérez de “El Club de Amigos del Crimen” (Radio Klara) a cargo da tarefa en colaboración con Osadía Ediciones, a banda e o selo Bonavena Música.
En principio neste CD compilatorio atopamos dezanove bandas e solistas (maioritariamente levantinas), mais as cancións son finalmente vinte e unha porque a versión dixital inclúe a extra “Sobrevolábamos” (Luis Prado repite) e a física o bonus-track póster de 50×50 cm da canción «Aquel accidente», un cadro de Antonio Minerba, autor das estupendas portada e proxecto gráfico. Agás as de “Un billete de 2.000 (en otra canción)” e “África habla con los peces”, todas as gravacións fixéronse para este disco, onde, con “libertad absoluta para elegir qué canción reinterpretar y cómo hacerlo“, as composicións de Manolo Bertrán son levadas a outras sonoridades sen grandes sobresaltos. As artistas móvense en cadansúas coordenadas, desde a reconstrución de Lanuca alonxada do orixinal até a máis fiel, se é que algunha o é, dos galegos Tesouro. Será por variedade: guitarreo case punk, ragtime e music hall, pop de autor, blues, folk acedo, psicodelia, swing, pop folk cantautor dos 70, indie, tecno pop …
A traxectoria dunha banda é recoñecida por compañeiras que reivindican parte significativa dun cancioneiro por riba das modas. Achegas que resultan interesantes, diversas e que casan ben co recorrente comentario de que as cancións boas resisten diferentes visións e estilos. Ademais, a presentación é brillante, polo que a misión se completou con éxito, acorde co respecto e admiración que lle temos a unha banda que, e sei que me repito, leva moito tempo entregando discos de notábel e sobresaínte.
Pepe Cunha, 19-decembro-2024
https://www.bonavenamusica.com/producto/homenaje-a-doctor-divago-35-anos-una-vida-es-demasiado-poco/
Tracklist:
“Gracia Imperio” – Gilbertástico
“Clínica del alma en Navidad” – Santi Campos
“Jugando a pillar en el limbo” – Luis Prado
“A la vez” – Los Radiadores
“El viaje largo” – Cándida
“La habitación de Charo” – Ona Nua
“Un billete de 2.000 (en otra canción)” – Una Sonrisa Terrible
“Sonaba Julio Galcerá” – Samuel Reina
“Eva” – FaNáticos
“Madre de todas las demencias” – Lanuca
“No tan bueno” – Santiago Penagos
“Ojos de serrín” – Caballero Reynaldo
“Pondré los ojos en blanco” – Raquel G. Cabañas
“Ni una pizca de tu amor” – Óscar Ogalla
“África habla con los peces” – Serpentina
“El día después” – Òscar Briz
“Ligero como una pluma” – Ambros Chapel
“El vertiginoso atleta moral” – Tesouro
“Tirando a dar” – Juancho Plaza