Achegarse a ver unha figura máis ou menos clásica ou lendaria da música popular é un balbordo de sensacións e expectactivas. Será un mero exercicio de nostalxia? Conservará boa parte dos seus puntos fortes? Manterá o tipo sobre o palco grazas á axuda d@s músicos acompañantes? Revestirá a interpretación de artificios que distraian o público? … O cheo no Pazo da Ópera da Coruña confirmaba que o Caetano Veloso como mínimo conservaba o tirón nas súas visitas a Galiza. E atreveríame a dicir que quen repetiamos ou seguiamos con certa atención a súa traxectoria agardabamos un concerto digno, acorde cos seus 74 anos. Con iso nos conformariamos e até aceptariamos que inclúa outra actuación no prezo da entrada.
Esa actuación sería a dunha cantora do Rio de Janeiro, que podería sonar a capricho aínda que supoñamos que o Caetano non apadriña “qualquer coisa”. De feito el mesmo, con convicción e humildade, saiu só para introducir unha primeira parte da velada na que non estaría presente e si Teresa Cristina acompañada polo Carlinhos Sete Cordas. Durante esa media hora repasaron boa parte do seu disco cantando ao mítico Cartola e as ovacións do público premiaron a calidade e a simpatía. Sen estridencias, sen acenos innecesarios, só cunha interpretación exquisita. Acorde co que despois faría o protagonista da noite.
Só coa súa guitarra, sen trampa nin cartón, o Caetano volveu aparecer perante o público entregado. Porén, non aproveitaría este factor para ser compracente, poñer o piloto automático ou apoiarse na condescendencia que de seguro atoparía nas cadeiras trilladas do auditorio. A súa voz, os seus silencios e as súas mans por momentos trementes regaláronnos unhas interpretacións fantásticas. Ademais argallou para esta xira un repertorio co que se sentise cómodo, con cancións que lle prestasen ou acaesen ben arestora, independentemente de ser máis ou menos coñecidas. TODAS foron interpretadas cun coidado e paixón á altura de moi pouc@s, xa fosen agardadas (“O leãozinho”, “A luz deTieta”, “Desde que o samba é samba”, “Cajuína”), recoñecibeis (“Luz do sol”, “Minha voz, minha vida” ou unha “Reconvexo” que foi do mellor da noite) ou agochadas dos tempos do tropicalismo e a ditadura, E que dicir das dúas versións?! “Cucurrucucú paloma”e “Love for Sale” (esta a capela) foron unhas leccións inesquecibieis e emocionantes de reinterpretación.
Para manter un nivel tan alto ao longo de máis dunha hora acompañándose só de voz e guitarra hai que ser tan grande como o Caetano e, sen dúbida, o repertorio e a interpretación fixéronnos esquecer o anecdótico da idade do artista. E até o carisma, se se me permite, porque falando do estrictamente msical, o recital foi impecábel. Sumémoslle que a parella acompañante non desmereceu, na voz e nas cordas respectivamente, e temos mel sobre filloas.
Servidor sempre lembrará que asistiu á clase mestra de elegancia e sensibilidade dun dos máis grandes compositores e intérpretes saídos da música popular nos anos 60.
Pepe Cunha, 1-maio-2017
Repertorio:
Teresa Cristina co Carlinhos Sete Cordas (álbum “Canta Cartola”)
“O mundo é um moinho”
“Corra e olhe o céu”
“Alvorada”
“Preciso me encontrar”
“Tivesim”
“Acontece”
“No tom da mangueira”
“As rosas não falam”
Caetano en solitario:
“Luz do sol”
“Os passistas”
“Um indio”
“Meu ben, meu mal”
“Esse cara”
“O leãozinho”
“Minha voz, minha vida”
“Cucurrucucú paloma”
“Reconvexo”
“Love for Sale”
“Cajuína”
“Tá combinado”
“Enquanto seu lobo não vem”
“A voz do morto”
“Um abraçaço”
“Branquinha”
“Sozinho”
“Força Estranha”
“A luz de Tieta”
bises con Teresa e Carlinhos SeteCordas :
“Tigresa” (Caetano + Teresa)
“Miragem de Carnaval”
“Como dois e dois”
“Desde que o samba é samba”
“Odara”
“Qualquer coisa”