Un gran espectáculo musical galego-cubano liderado por Alejandro Vargas e Rosa Cedrón celebrará ao compositor Chané

Xullo 13, 2017

nota:

Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González Chané, no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova e desprexuizada das populares músicas dun dos compositores imprescindibles da Historia da música galega. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da Música Popular Urbana Galega.

Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: desde o sentir musical cubano. O autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana e neste 2017, cen anos despois da súa morte, varios músicos de catro nacionalidades distintas abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Riaxo e Melide. Serán as derraderias ocasións de gozar ao vivo coa grandeza deste espectáculo único.

Ramon Pinheiro, director artístico do proxecto, salientou esta mañá na presentación pública do proxecto a aposta pola musicalidade cubana e a importancia da recuperación da obra de Chané en arquivos de todo o mundo. “Hai uns días aparecía unha canción súa na Biblioteca Nacional de Francia”, apuntou. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, pola súa banda destacou a pertinencia deste proxecto “único, singular, referencial, que vai unir dúas culturas e dúas linguas, dúas tradicións que levan influenciándose séculos: Galiza e Cuba”.

O concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios Diz, puxo o acento na colaboración institucional entre dous Concellos e unha Deputación á hora de render merecida homenaxe a Chané, “recuperando a vida e a obra dun músico cun grande recoñecemento internacional na súa época pero que hoxe é un descoñecido”. Finalmente, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, destacou que o espectáculo “rompe a falsa dicotomía entre festas e cultura, traballando pola cultura e pola recuperción histórica dende unha persepctiva festiva e de goce”. “É unha oportunidade única para todos os galegos e non galegos que poderán gozar co coidado traballo deste conxunto de músicos magníficos, un combinado internacional das estrelas”, concluiu.

A recuperación dun músico imprescindible

A vida e a obra de Chané están fortemente ligadas ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e A Habana. En Santiago naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), converténdose nun neno prodixio da guitarra e da bandurria e xirando, coa Rondalla Chané, por cafés e teatros de Galiza, Portugal e España.

De adolescente estableceuse na Coruña, onde se consagrou como o músico galego máis popular do momento, en pugna cos grandes mestres Pascual Veiga e Juan Montes, responsables os tres da creación do movemento orfeonístico galego e da popularización da Melodía galega de concerto. Chané dirixiu o Orfeón El Eco, formación de referencia co que gañou moitos concursos e recoñecementos, no só en Galiza, senón tamén en Barcelona, Madrid ou París. Nesta cidade é premiada a súa obra A Foliada, na que por vez primeira introduce elementos da música tradicional galega nas súas composicións.

Marchou a Cuba no 1983, reclamado polo Centro Galego da Habana, onde se encargará do coro Ecos de Galicia e da formación musical no Centro Galego. Logo virían a creación da Sociedad Coral Gallega, de Os Cantores Celtas, o primeiro coro folclórico galego da emigración, a súa implicación en empresas culturais como a creación da Academia Galega ou a súa fraternal amizade com Manuel Curros Enríquez, do que musicaría textos emblemáticos como Un Adiós a mariquiña. Esta e outras obras de Chané despertarán o interese de grandes nomes da lírica internacional como Marino Aineto, Lucrecia Arana, Chalía Herrea, Ofelia Nieto ou Conchita Supervía, grazas ao cal pasa a ser un autor habitual en salas de concertos de Europa e de America e tamén nos catálogos discográficos da incipiente industria fonográfica internacional. A súa popularidade exténdese internacionalmente e pasa a converterse nun mito en vida, ao que as principais personalidades da cultura galega e da música visitan cando viaxan a Cuba.

Finou na Habana en 1917, pero o Centro Galego da Habana transportou axiña os seus restos mortais a Galiza, onde foron recibidos cunha gran caravana fúnebre. Chané recibiu sepultura, con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro, no que foi o enterro máis multitudinario dun músico na Historia de Galiza.

Os Teus Ollos, Un Adios a Mariquiña, Cantiga, A foliada… Na súa obra, conxúganse elementos estilizados tomados da música tradicional galega e formas puramente románticas como a balada. E é que Chané acadou unha enorme popularidade con cancións xeradas, inicialmente, no ámbito académico. Esta tensión entre o erudito e o popular e o feito de que Chané viviu toda a súa vida exclusivamente da música, sen o apoio da igrexa (algo inédito para un músico galego do seu tempo), convirte a celebración da súa figura nunha oportunidade única para reivindicar a potencia que tivo historicamente a música galega.

Un elenco irrepetible

Alejandro Vargas Consort
Piano: Alejandro Vargas
Batería: Luis Alberto Legido
Percusión: Javier Barral
Contrabaixo: José Manuel Díaz
Trompeta: Myquel Gonzáles
Voz: Rosa Cedrón

Camerata Egeria
Violinos primeiros: Ildikó Oltai, Irina Gruia, Michal Riczel
Violinos segundos: Kiyoko Ohashi, Natalia Cid, Enrique Roca
Violas: Ioana Ciobotaru, Iriana Fernández
Cellos: Xusa Hervás, Bárbara Switalska
Contrabaixo e coordinación: Alfonso Morán

AXENDA