ulträqäns

Xuño 06, 2011

Antes que nos aventuremos a colgar etiquetas á súa proposta, xa propoñen eles a eito: “Música retrovangardística, neo bravú, steampunk, speed-folc, psicodelia enxebre. Banda de catro patas e rabo. Kraken-disqo”. Só podemos agradecer a axuda, porque non é doado definir esta frenética conxunción de punk-folk, psicodelia, paixón, retranca, funk, ska e moitas ganas de xolda, coma xa fomos apreciando nos seus directos ao longo destes anos. Os seus componentes son recoñecibles de mil e unha batallas “discotasqueiras” por militaren en formacións coma Os Diplomáticos, Ruxe Ruxe, Os Papaqueixos, Tres Trebóns ou a Banda Tic Tac e finalmente neste álbum en estudio preséntanse coma quinteto: Aaron Bouzón (frautas, whistles, gaita), Antón Díaz (baixos e voz), Fran Amil (batería), Tino Vilaro (guitarra) e Tomás Saiz (acordeón e piano). O encargado da difícil tarefa de plasmar estas festeiras composicións en gravacións foi Tomás Ageitos e para o digipack o debuxante coruñés Javi Prieto failles un deseño visual acorde coa abafante proposta musical; máis aínda, cada peza conta con cadansúa ilustración. Ademais de composicións tradicionais do país, tamén se inspiran nas de outras latitudes, coma Irlanda, Bulgaria, Rumanía, Rusia e Armenia, pero tamén temos exemplos incuestionables de punk en “Matar” ou heavy metal homenaxe a Steve Harris (Iron Maiden) en “Losfer Guaus”. A práctica totalidade das pezas son instrumentais, coa excepción da mencionada “Matar”, “T-34”, “Quimbumbia” ou “Vacas á rúa”; iso si, con máis consignas que versos. Sen dúbida, a música ideal para un festa frenética regada con, por exemplo, licor café. Edita Abada
Pepe Cunha 6-xuño-2011

AXENDA