Últimos días para enviar propostas artísticas ao MUMI 2022

Marzo 18, 2022

nota:

Para as bandas e artistas galegas e portuguesas interesadas en participar nas actuacións do encontro, a convocatoria pecha o xoves 31 de marzo. Poderán presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira. A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de componentes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.

Presentación do programa
A programación do encontro será presentada no mes de maio cunha oferta de showcases profesionais e tamén concertos para o público xeral no que atoparemos artistas de ambas beiras do Miño. Ademais do programa musical, o MUMI 2022 acollerá conferencias, actividades formativas, e encontros de traballo con empresas e profesionais.

En colaboración cos concellos de Tui e Valença, espazos emblemáticos de ambas cidades serán o escenario privilexiado de diferentes propostas musicais e culturais, que pretenden visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença. O obxectivo é converter o MUMI nun espazo de coñecemento mutuo, oportunidades, sinerxías, traballo en rede e deseño de proxectos futuros. Desde a organización do MUMI destacan o impacto social, económico e mediático do evento, e animan a todas as persoas que traballan no sector musical en Galicia e Portugal a participar na programación a desenvolver do 29 de setembro ao 1 de outubro inscribíndose a través da web mumimusicas.eu.

AXENDA