Ukestra do Médio “Histórias cativas”

Agosto 03, 2022

A mini-orquestra compostelá de ukeleles vai camiño dos dez anos de existencia aínda que este sexa só o segundo álbum. Antes, e en consonancia coa súa primeira etapa de versións, publicaran en 2017 un EP no que apuntaban variedade de influencias e gustos (The Cure, The Human league, Los Cojolites ou Katzenjammer). Esa amálgama de estilos foi acrecentada no aquí comentado “Outras Lérias” (2020) e apreciamos que seguen a maduración con maioría de composicións propias, aquí seis das oito.

Unha desas versións coñecímola en “25 anos ruxindo”, a homenaxe polos 25 anos da banda Ruxe Ruxe. Ademais desa “Sonhos”, reinterpretan “Five Foot Two, Eyes of Blue’, clásico do swing-jazz de hai un século, e homenaxean Carvalho Calero, ao musicaren o poema “Tanto se Amavam”. En canto aos temas propios, destaca xa o comezo con “Paipo”, un instrumental que nos leva suavemente ao surf. “Vendeu-no todo”, a cinéfila “Imitación á vida”, “Onde vam?” ou a estupenda “Promesas” son mostras de que tiran máis polo agridoce da vida que por un ton “camp” ou miñaxoia. Dígoo polas connotacións que pode ter o ukelele.

“Histórias cativas” é un traballo honesto, nada pretensioso, que equilibra o seu falar da melancolía ou os vaivéns cunha heteroxeneidade de estilos (rock”n”roll, country, swing, pop, surf …) e voces que o fan ben apetecíbel para degustarmos ao vivo. Ademais, aumentan o atractivo dos varios ukeleles coas achegas da táboa de lavar, a pandeireta, o güiro ou o xilófono. Isto é coller sabor sen présas, aplicando o lume necesario.

Deseño de Juan Venditti

Pepe Cunha, 3-agosto-22

1.Paipo
2.Tanto se Amavam
3.Vendeu-no Todo
4.Sonhos
5.Imitación á Vida
6.Onde Vam?
7.Five Foot Two, Eyes of Blue
8.Promesas

AXENDA

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook