Ukestra do Medio “De aqui e de acolá”

Abril 11, 2026

publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 11 de abril de 2026

Cando a coñecín ao vivo hai case dez anos pareceume unha banda entretida de versións. Iso si, coa orixinalidade de se basear nos ukeleles. Así gravaron un primeiro EP con catro temas alleos onde resaltaba a adaptación divertida da célebre “Don’t You Want Me” da Human League: “Pasas mía, cari?”. O proxecto foi consolidándose con “Outras Lérias” (2020) e ”Histórias Cativas” (2022) e cada vez máis temas propios. A Ukestra do Medio gañou un oco de seu na produción musical do país pois resulta do mellor acaida para acompañar esas sesións vermú e tardiñas que tiran a relaxadas.

Asentada coma quinteto con catro ukelelistas (concerto, barítono, tenor, ukebaixo) máis caixón e outras percusións, presenta agora un terceiro disco baseado en temas propios e coa intención de se achegar a máis estilos. Isto reflíctese desde o título do álbum, que “fai referência à diversidade de estilos nas músicas e de histórias nas letras”, e a imaxe de portada, onde vemos un pasaporte cun timbre para cada título de canción. Non faltarán as influencias habituais no seu repertorio de pop, swing, folk, country, pero xa no inicio a Ukestra nos colle da man -“Vamos Lá!”- e tira á bossanova. Logo soarán a cumbia con “A boa esperanza”, onde colabora Adrián Long&Art aos tambores, bombo e güiro; e a viaxe interior, ao noso folklore, vén con “Eira dos mouros” e o acompañamento da tarola de Jacobo Iglesias. Nesta peza, e tamén en “Foi Embora”, fai coros outra invitada: María Caramés, tamén ao theremin en “Lisca de Aqui”.

Un par de cancións coñecémolas pois datan de 2024: “Vamos Lá” e a celebración da natureza que é “A Candeloria”. E se cadra, as persoas máis melómanas recoñezan a versión que fecha o disco: “Tonight You Belong to Me”, composta por Lilly Rose e Lee David hai un século e aquí traída talvez vía o “Ukelele Songs” de Eddie Vedder. As cancións propias son o meritorio aínda que moitas celebramos ese bo costume de incluír unha versión, sexa para rescatar ou reivindicar unha canción agochada. Neste caso en liña coa traxectoria da banda, cun jazz-swing máis relaxado canda o festeiro de “Teño o demo no corpo”. Dentro deste contraste anímico que transmite o disco, recoñezo a miña debilidade polas pezas co seu aquel irónico, melancólico ou mesmo o desarraigo … como “Post Fracaso”, “Xa te Vin Vir” ou “Foi Embora”

Se cadra cun ton algo máis alegre que o dos anteriores álbums, “De aquí e de acolá” é unha cocteleira de espírito naive, relaxado ou camp mesturado con retranca e melancolía e dosificado en grolos de dous-tres minutos. A Ukestra non é un niño de virtuosismo nin contén unha lírica impresionante, para iso son outras propostas, pero “Olha o sol, está a brilhar, e os ukuleles a soar”.

Pepe Cunha, 18-abril-2026

Autoeditado – Ukelixo escóitao no seu bandcamp

AXENDA

Facebook

4 days ago

Ábrete de orellas
De Ninghures @profile.php?id=100040080407640 e Mondra xúntanse para cantar ao verán galego coa produción de Juan de Dios MartínSeispés Producións Creativas e Tremendo Audiovisual @profile.php?id=100045701810584 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook