Aquí temos o debut discográfico dun proxecto de música popular brasileira xurdido na Coruña. Trátase dun cuarteto liderado pola voz de Marga Ramos e o traballo de Fran Castro ao piano e na produción musical canda Jose “Bonham” nos estudios deste. Completan desde a sección rítmica o baixo eléctrico de Quique Alvarado e a batería de Samuel Pérez. Catro músicos con experiencia para traballaren unhas cancións que apostan por cadanseu estilo, con elegancia e calidade. Aquí a atención non vai dirixida á sorprender con algún artificio ou aproveitar algunha moda, senón a agradar o padal que queíra apreciar. Pero sen elitismos, non se asusten.
Cinco cancións máis un “Preâmbulo” saben a pouco, pero de cantos álbumes salvas tantos temas? Isto non vai de fusións artificiosas, de lucimento alongando os temas ou de versións máis ou menos sorprendentes. pero si de composicións propìas dun acabado exquisito e con calidade interpretativa. Desde o principio co “Preâmbulo” convence a dicción coidada de Marga, despois o piano irresistíbel de Castro na canción que titula o disco, o acompañamento rítmico en “Meu amor é de Você” , o xogo de voces de “Quero Índio”, a balada tan preciosa que é “Amor demais” … pequenos aires jazz, tribais ou pop cando veñen ben acaídos … e sempre arredor dos 3 minutos.
E como acontece con moitos nomes importantes, non hai que ser entendid@ para gozar tamén das súas cancións, algunha tan directa como “A praia”, por exemplo. Porque se a chave está nos detalles de calidade e nunhas cancións que teñan e duren o xusto, este EP é unha carta de presentación excelente. E na liña de elegancia, o deseño artístico vén asinado por JOTACAMILO (Camilo Lopez Rey).
Pepe Cunha, 19-xaneiro-2018