nota:
Turma Caipira celebra o seu 10o aniversario cun concerto especial na sala Jazz Filloa.
A dez anos do seu concerto debut Turma Caipira volve a subirse ao escenario do Jazz Filloa para celebrar o seu décimo aniversario cun concerto especial no que non faltarán os artistas invitados. A paixón pola música popular brasileira é o punto de unión deste cuarteto integrado por Marga Ramos(voz), Fran Castro (piano e coros), Quique Alvarado (baixo) e Samuel Pérez (batería). O grupo participou este ano en eventos referenciais, coma o Festival Noroeste, o Festival +QueJazz e o Berlanga Pop-Tropical, e foi finalista dos Premios Martín Códax na categoría Músicas do Mundo. O seu repertorio propio, interpretado en portugués, convive no escenario con clásicos brasileiros do tropicalismo.
Turma Caipira é unha revelación na actual escena musical galega. No seu debut discográfico (Bellis Silvestris, 2018), o timbre único da coruñesa Marga Ramos canta sobre as harmonías tecidas por un trío de músicos formados no jazz. O coro de Fran Castro aporta ás súas melodías unha tintura pop que abre a súa proposta a un público amplo. A intersección destas influencias outorga á formación un carácter propio e novo.
Tras anos de investigación e afondamento en xéneros coma a bossa nova, a samba ou o baiao, Turma Caipira ofrece un temario de cancións de amor e vida que transcenden os estilos, pero que saben a tropicalismo, jazz, morriña e praia.