Trilitrate

Xaneiro 28, 2017

Os 3 compoñentes de Trilitrate (Rubén Abad, guitarra e voz; Marcos Padrón, acordeón; e Elena Vázquez, violín) veñen de proxectos e estilos diferentes: rock, clásica, folque … e este punto de encontro acústico é unha amálgama de influencias, converxencias e diverxencias complicada de etiquetar, como amosaban no seu debut “Faláchesme na man“ (2014). Xa que logo, está ben tirar da opinión d@s mesm@ responsabeis: “Frutal Death apesta a século XX e por iso se debate entre a música contemporánea, a world music e o folk balcánico, a neoclásica e os ritmos pegados á terra.“

“Endut hoch Hech”, instrumental como a maioría, lembra os Berrogüetto; “Aparca la Nave en el Rincón del Distrito Mutante que teño faena” (adicada aos centros autoxestionados que acollen os seus concertos) tira por darlle forma a un experimento; “Amelia” é unha “composición en tres partes, melodía de ritmo libre entre guitarra e acordeón, parte B, melodía e improvisación sobre 4 modos e terceira parte coa melodía inicial sobre ritmo de vals absurdo”; e a inquedante “La nada”, única canción do disco canda “A carracuca”. Con ese tercio inicial e adiantando que poden transportarte desde os Balcáns a América, podemos esperar case calquera cousa. Aí radica gran parte do atractivo de Trilitrate: a inquedanza e a liberdade total.

Por certo, non debemos esquecer que hai unha cuarta trilitrate, Lau Iturralde encárgase dos visuais, así que os concertos prometen non deixar indiferente á audiencia. Para orellas abertas que necesiten a súa dose de escapismo do máis convencional ou previsíbel. A min xa me alertaron desde os dous títulos inpirados na serie xaponesa de debuxos “Arale e o Doutor Slump”. Como é característica do Colectivo Metamovida, creatividade a tope nunha ducia de composicións con cadansúa pelaxe ben diferenciada e explicación recomendábel no bandcamp.

Pepe Cunha, 17-xaneiro-2017

AXENDA