Aínda que non se vendan moitos discos físicos e a súa propostasexa especialmente recomendábel ao vivo, é de agradecer que esta formación volva editar un disco. A presenza de Montse Piñeiro como integrante da banda nos visuais e o deseño asegura que a presentación física vai estar á altura da creatividade musical do trío que forman Elena Vázquez (violín), Marcos Padrón (acordeón) e Rubén Abad (guitarra e oud). A conxunción de catro artistas con formación e experiencia contrastada noutros proxectos é das que apunta a experiencias ás que cómpre prestar atención. Esta continuación de “Faláchesme na man” (2014) e “Frutal Death” (2016) non defrauda a quen se deixe levar; frase tópica pero aquí máis que xustificada.
Falamos de auténticas viaxes, sexan escapadas breves (“Música Problemática”, “Preludio al Trampantojo”, “Mundo blandito”) ou algo máis espalladas no tempo (“Joan Carga” ou “Centrárquidos Granado”, unhas das miñas favoritas). Trilitrate é unha experiencia en mans e mentes de instrumentistas que posúen virtuosismo e coñecemento, que beben e asimilan con liberdade tanto folclores varios como correntes da música clásica, e apuntan “que non teme achegarse á música electrónica ou ó black metal, sen abandonar as súas ferramentas acústicas”. Este son acustico resulta ás veces agresivo e outras maino, pero, dosifiquen, porque sempre é intenso i estimulante, como eses títulos ben curiosos. Se cadra, coa excepción das dúas pezas compostas e cantadas respectivamente por Toño Magariños (“Técnica”) e Pablo Riveiro (“Póutega”); dous pluses a sumar ás once instrumentais.
E volvendo ao físico, este seu terceiro álbum aparece nun digipack fermosísimo que inclúe dúas receitas cos grelos como protagonistas e que está apoiado polo selo norteamericano Ropeadope e o barcelonés Gandula. Creatividade feita no país e sen límites mentais ou xeográficos que debemos ver ao vivo e, de paso, caer na tentación de levalos ao teu reprodutor.
Pepe Cunha, 23-xullo-2021
repertorio:
Saturnais
Períodos Zumaque
Granates Peridoto
Técnica (con Toño Magariños)
Música Problemática
Samizdat
Chorimiel
Joan Carga
Abedul Centeno
Centrárquidos Granado
Preludio al Trampantojo
Póutega (con Pablo Riveiro)
Mundo Blandito