notA:
Compostela é unha das cidades elixidas por Tribalistas para a súa xira por Europa, que os levará tamén por Portugal, España, Reino Unido, Alemaña, Francia, Suíza e Italia. O trío formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown regresa quince anos despois de venderen tres millóns de discos para facer unha xira mundial.
A cita será o venres 26 de outubro ás 21 horas no Multiúsos de Sar, e contará cun artista convidado. Este espectáculo foi presentado en rolda de prensa esta mañá no Concello de Santiago, na que participaron o alcalde da cidade, Martiño Noriega, que patrocina o evento; e representantes das empresas promotoras: Vítor Belho, director de Nordesía Produccións; e Mercedes Pérez Sanjurjo, de Nalgures Produccións.
Tribalistas é un dos maiores fenómenos da música brasileira recente e os seus tres protagonistas volveron xuntarse en 2017 para publicar un novo disco quince anos despois do grandísimo éxito que supuxo o anterior. As súas músicas tiveron alcance mundial e medio planeta cantaruxaba aquilo de “eu sou de ninguem, eu sou de todo o mundo, e todo o mundo me quer bem” do tema Ja sei namorar”.
Aquela xuntanza excepcional de tres grandes como Monte, Antunes e Brown xurdiu de casualidade logo de que Marisa fose colaborar no disco de Arnaldo do que Carlinhos era produtor. Alí saltou a chispa, que só deu como froito un disco homónimo publicado en 2002. Nunca se presentaron e nunca fixeron unha xira grande, pero venderon máis de tres millóns de discos en todo o mundo e tiveron cinco nominacións aos Grammy Latinos.
No pasado verán publicaron este agardadísimo segundo disco (CD e DVD, tamén en vinilo), publicado por Universal Music e en plataformas dixitais por Altafonte. Nel tamén participa en tres temas a cantora portuguesa Carminho. E o 28 de xullo comezan en Brasil unha xira mundial, que comezará en oito cidades brasileiras e continuará en Europa, onde, ademais de Compostela, visitarán Lisboa, Porto, Barcelona, Madrid, Londres, Hamburgo, Basel, París, Milán e Roma.
Nesta xira tamén tocarán temas do seu primeiro disco, que se converteron en hits a nivel mundial, como “Passe em Casa,” “Velha Infância” ou “Já Sei Namorar”. O espectáculo está dirixido por eles mesmos, xunto con Leonardo Netto. Forman parte da banda Dadi Carvalho (baixo, guitarra eléctrica, mandolina e teclados), Pedro Baby (guitarra acústica e eléctrica), Pretinho da Serrinha (cavaquinho) e Marcelo Costa (percusións).
“Quando juntos, somos um só”
Tanto Marisa Monte como Arnaldo Antunes ou Carlinhos Brown son coñecidos internacionalmente, mais a súa suma dá moito máis que tres. Como din nun tema do novo disco, “Somos muitos, quando juntos/somos um só”. Neste novo álbum Antunes, Brown e Monte reafírmanse no vínculo emocional e musical que os xuntou hai 15 anos e que os levou ao éxito cos dous discos que publicaron.
Velaquí algunhas declaracións dos protagonistas:
Arnaldo Antunes: “A miña relación creativa e emocional con Marisa e Carlinhos é un dos recursos de inspiración máis fértil que me nutren. Cada vez que nos vemos escribimos, cantamos, gravamos ou nos rimos, nace unha enerxía moi inspiradora, que agora celebraremos en directo coa nosa audiencia”.
Carlinhos Brown: “A miña maior esperanza de reunirnos Tribalistas de novo vai máis alá de Marisa, Arnaldo e máis eu, son de feito esa lexión de xente que lle deu alma e lle prestou os seus ouvidos ao noso repertorio nos últimos 15 anos. O noso obxectivo é servilos a través da música, e farémolo coa facilidade e espontaneidade grazas a que a atmósfera que se crea cando estamos xuntos é pegadiza para nós mesmos”.
Marisa Monte: “Estamos a contar os días ata que poidamos atoparnos cos fans en directo por primeira vez. Compartir palco con Carlinhos e Arnaldo é unha ecuación que vai máis alá de nós mesmos”.