nota:
Treixadura presentou o 27 de febreiro o seu novo traballo discográfico, PORTALÉN, un proxecto creado con calma e coidado, fiel ao tempo propio dun grupo que entende a música como un proceso compartido.
Tras o percorrido de “Camiño Longo” (2022) , a formación tomou o seu tempo para compoñer e madurar novas cancións. Dese proceso nace PORTALÉN, un disco que dialoga coa historia de Treixadura e coa tradición que sempre a acompañou, pero que mira cara adiante con novas pezas e novos camiños sonoros.
O primeiro adianto deste traballo chegou o 20 de febreiro co lanzamento de “Caramuxos”, o sinxelo que abriu a porta a este novo universo musical. Unha semana despois, o 27 de febreiro, PORTALÉN móstrase na súa totalidade: un conxunto de cancións nas que conviven a forza do canto colectivo, a coidada instrumentación e a identidade dun proxecto que leva décadas convertendo a música tradicional galega nun espazo de encontro.
PORTALÉN preséntase como unha porta simbólica entre o pasado e o presente, un lugar onde o vivido se transforma en futuro. Un disco pensado para ser escoitado con calma e, sobre todo, para ser compartido en directo.
Como celebración deste lanzamento, Treixadura presentará oficialmente o novo repertorio o 14 de marzo no Teatro Afundación de Vigo ás 20.30 h, nun concerto especial que suporá a estrea en directo de PORTALÉN. As entradas para esta cita poranse á venda hoxe ás 12:00 h.
Coa chegada de PORTALÉN, Treixadura abre un novo capítulo na súa traxectoria, mantendo intacta a esencia que a converteu nun dos referentes da música galega.


