nota:
TREIXADURA
25 anos na musica tradicional de Galicia
Concertos de gravación do seu novo disco conmemorativo do 25 aniversario.
A gravación deste traballo terá lugar no transcurso de dous concertos especiais, con convidados e amigos, que se celebrarán no Teatro do Centro Cultural Afundación de Vigo (García Barbón) os días 3 e 4 de outubro.
O acceso a estes concertos realizarase a través da billeteira Servinova e terá o prezo simbólico de 1 € (máis gastos do servizo) que será destinado integramente ao COMEDOR SOCIAL DE CANGAS DO MORRAZO (Asociación Santiago Apóstolo).
Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.
Treixadura é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para que hoxe representen e dignifiquen este proxecto.
Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas de música populares, que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música son e serán a inspiración da música de Treixadura.
25 anos de gravacións e concertos, 5 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común. 25 anos compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.
Treixadura foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax entregados en decembro de 2013, como o Mellor Grupo de Música Tradicional Galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística pola súa exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclore e o seu traballo a prol da recuperación da música tradicional galega
O grupo Treixadura está formado por:
Toniño López: Tambor e pandeireta.
César Longa: Acordeón.
Pablo Nogueira: Gaita e percusións.
Magoia Bodega: Gaita e bombo.
Xaquín Xesteira: Gaita e percusións.
Orfeón Treixadura (10 voces): Alberte Raposo, Delio Domínguez, Toño D. Fontenla, Moncho Marín, Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín, Mingos Lorenzo, Antón Cabaleiro, Xurxo Raposo e Pablo Rei.
O novo disco será presentado en dous concertos en Vigo e Santiago a mediados de decembro.