Transilvanians

Xuño 29, 2013

Sábado 29 Transilvanians|Reggae/ rocksteady/Funk ….

J. Vicente: guitarra; Javier Marcos: voz & percusión; Nestor Meizoso: baixo; Xabi Vieitez: piano & Hammond; Kino ‘Little Cobra’: batería & voz; Pedro Farinhas: saxo & percusión; Antonio Rodríguez: trombón & voz.

Fórmase no ano 2004 na cidade de Vigo. A banda está composta por músicos experimentados doutras formacións da escena viguesa de estilos moi dispares. O que os leva a unirse é a paixón que senten por xéneros da música negra coma o soul, funk, R & B e moi especialmente polo ska, rocksteady e o early reggae xamaicanos. Todo isto, unido á súa afección polo xénero do terror, a serie B e a ciencia ficción, conforma unha proposta cando menos orixinal. Xunto a composicións propias tamén interpretan temas de The Skatalites, The Temptations, The Melodians, Georgie Fame ou os británicos The Clash. Despois de varios cambios de formación, catro traballos discográficos e numerosos concertos pola xeografía estatal e internacional (Portugal, Alemaña…) co seu propio repertorio ou apoiando a artistas como Roy Ellis AKA Mr. Symarip -lenda do reggae á que acompañan de maneira habitual en directo e coa que gravaron o pasado 2012 o seu novo single “You Can’t Leave Now”-, este 2013 presentan Kings Of Catacomb Reggay, novo EP composto por 4 cancións. Escoitándoo compróbase a existencia de grandes variacións no son da banda debido aos cambios de formación que experimentaron: madureza en canto a execución e composición maila persoal voz do seu novo cantante, Javier Marcos, vello coñecido da escena olívica de liñaxe punky-rocker e de formación jazzística. O fantástico novo disco ábrese con ‘The Crypt’; con ‘Lobishome’, un funk reggae con moitas trazas de acabar sendo a canción do próximo verán, pecha a cara A. En definitiva, trátase dun gran traballo que deixa con ganas de máis. Os amantes do vinilo en formato 7″ están de en hora boa. Ollo, esta edición de luxosa presentación está limitada a 500 copias.

Discografía:

SERÁ SI HAY, UN TRIBUTO A POTATO (2008), VAMPIRE LOVER (2010), CANTA HISTORIA NA BARRIADA, XX ANOS DE SKACHA (2011), A TRIBO TODA BAILA, TRIBUTO A OS RESENTIDOS (2012)…

AXENDA

23:30 h.
Pub Clavicémbalo, Lugo.