Tranquila. Celeste canta Chavela

Decembro 22, 2022

“Ante todo, mucha calma”, que dirían os Siniestro Total. Non pensemos que estamos diante doutro disco oportunista e pouco interesante de cancións populares, neste caso na voz da icónica Chavela Vargas, finada hai unha década. Esa compracencia habitual que difunden radiofórmulas e televisións non ten cabida aquí. A cantante, improvisadora, compositora e profesora Celeste Alías, o guitarrista Santi Careta e o batería Oriol Roca amosan bagaxe abonda para faceren estas revisións e reinterpretacións de oito pezas do repertorio da Chavela.

Estas formaban parte dun espectáculo chamado “Tranquila” e descrito como “un canto de libertad, de amor y de vida, una fiesta para los difuntos, una celebración de la vida y de la muerte, de una figura primordial dentro del mundo de la música popular”. Os títulos escollidos son moi populares e significativos, polo que resulta máis meritorio facelas brillar ou escurecer con gusto, elegancia e teatralidade. De seguro que o apoio do sonólogo Adrià Serrano foi imprescindíbel para acadar este resultado. «Hemos querido acercarnos al máximo a las técnicas de grabación de los años sesenta, el disco está pasado por cinta, como se hacía entonces”. Ás veces apreciamos un son máis jazzy, xuguetón ou experimental, como en “Macorina” ou “Juan Charrasqueado” e noutras máis teatralidade na voz ou unha instrumentación máis contida, pero en todas as ocasións apañan a nosa atención.

Aparte de lle dar un par de escoitas como mínimo para ir degustando, tamén recomendo durante esta algo máis de media hora subir o volume ou poñer os auriculares para apreciarmos mellor estas NeoRancheras y Boleros galácticos. As interpretacións e a gravación meréceno. E de paso revivimos e reapreciamos Chavela, excusa e inspiración deste disco.

Pepe Cunha, 22-decembro-2022

“Volver volver”
“Mi segundo amor”
“Macorina”
“La enorme distancia”
“Ella”
“Juan charrasqueado”
“Un mundo raro”
“El último trago”

https://www.microscopi.cat/product-page/Tranquila