Trajedesaliva “Ultratumba”

Marzo 17, 2021

A comezos de século, a proposta trajedesaliva editara 4 traballos, pero desde 2006 non tiñamos noticias súas. Agora, quince anos despois de “Ciertos animales de costumbres discretas”, sorprenden cun novo traballo editado coa colaboración de áMarxe, Ferror Records e GH Records. E digo sorprenden porque este álbum ten unha factura máis esperábel de músicos moi en activo, non dun proxecto aparcado tanto tempo. Se cadra, traballárono moito e agardaron un momento acaído.

Apoiados na produción de Santiago Alcalá, on Ninguén (sintetizadores e música) e unavena (letra e spoken word) esborrallan os lindeiros entre etiquetas sofisticadas como dark ambient, synth prog, ruído industrial, música atmosférica … pero o que importa ao final é que ao longo dos oito cortes recibimos descargas intensas de beleza, sonoridades esixentes, misteriosas e desacougantes, desas que mellor dosificarmos para aprecialas e non sucumbirmos no intento.

“Ultratumba”, ornamentado na edición física con pinturas de Emilie Lagarde, é un disco ben macerado de electrónica e experimentación escuras pero tamén brillantes, que non desmerecerá no circuíto especializado internacional. Para isto, contan coa distribución de Cold Spring (UK) e Disk Union (JP).

Pepe Cunha, 17-marzo-21

1. Todo era blanco
2. A casa por las vías
3. Familia Ferro
4. Arenas calientes
5. Mamá es un animal morado
6. Mammillaria sempervivi
7. Queremos verte
8. Ultratumba

AXENDA

Facebook