Track Dogs – sesión vermú

Febreiro 02, 2013

Garrett Wall e Dave Mooney (Irlanda), Howard Brown (Gran Bretaña) e Robbie K Jones (Estados Unidos), levan vivindo en Madrid uns dez anos. Alí foi de feito onde se formou o grupo Track Dogs.
Garret participou recentemente na BSO de “Buried”, nominada aos premios Goya. Veñen ademáis de editar unha versión deluxe do seu disco homónimo, e agora, coincidindo coa súa xira dentro do circuito GPS, presentan un novo single: “Dust Devil”.

disco en Ábrete de orellas:
Cambio de nome, que non de compoñentes, para a Garrett Wall Band, que xa contaba cun par de discos editados e xiraba con asiduidade por garitos de toda España, onde están afincados desde hai bastantes anos. Seica agora xa non se trata da banda de acompañamento do cantante e compositor que lles daba nome, senón dun combo máis compacto, no que todos achegan as súas composicións e ideas, aínda que Garrett siga a ser o vocalista e compositor principal. Co toque especial do caixón e a trompeta e un impecable traballo de voces, esta auténtica irmandade anglosaxona (dous irlandeses, un inglés e un estadounidense) practica unha efectiva mestura de pop, soul e folk. E falamos de efectiva con coñecemento de causa porque tivemos a oportunidade de coñecer as cancións ao vivo e constatar cómo conectan cun público que logo queda prendado das melodías e as impecables interpretacións instrumentais e vocais. Non dubidamos en facernos inmediatamente con esta bonita edición en digipack (cunhas magníficas fotos tiradas na zona de Galway, no oeste de Irlanda) e agora confirmamos esa atmosfera que desprenden as súas composicións: coidado da melodía, calidez, optimismo, regusto clásico e arumes a bandas das Illas que tiveron entre nós o seu momento de eclosión nos 80-90 (The Silencers, The Waterboys, Immaculate Fools, Texas …). Ademais do single de presentación “Move a Mountain”, cómpre salientar pezas tan efectivas como “Piece of Cake” ou “The Wrong Man” e o ben que encaixa a versión do “Hazey Jane II” de Nick Drake. Coma bonus tracks dous instrumentais: “Rockpool” e “Lough Auna Horse Eels”. Non deixen de achegarse aos seus concertos! mondegreenrecords.com

Pepe Cunha 8-xuño-2011

Facebook

13:30 h.
Bar Cantón Vello, Ferrol.
2 €