Track Dogs

Xuño 02, 2016

Xa nos amosaran no seu primeiro disco homónimo (antes eran Garret Wall Band polo seu vocalista principal) que son especialistas en entregar cancións das que se goza con facilidade. Este cuarteto acústico residente en Madrid móvense con pericia entre influencias do country estadounidense, o folque irlandés ou o bluegrass, xa de por si interrelacionados. Para ben ou para mal, perxudicados como tantos polo gusto ou criterio nos medios, están nun terreo un pouco de ninguén, non adscrito a ningunha moda ou etiqueta excesivamente limitadora. Pero tamén nun espectro asequíbel para moito público dadas as súas influencias clásicas. Como mínimo deberían achegarse a eles quen agora tolean pola “americana” ou quen sempre gustaron dos aires irlandeses.

Entre a voráxine de quen se perden por ser orixinais ou aproveitar unha moda ou tendencia, “Serenity Sessions” resulta un disco honesto, tterapéutico, como os seus concertos . Estes dous irlandeses, inglés e estadounidense dominan as harmonías vocais, o son acústico e suman caixón e trompeta para crear un selo propio. Procuran redondear as cancións xogan entre os 3 – 4 minutos sobre melodías que resultan familiares. E se necesitan colaboracións, aquí son escollidas con tino. A excepción ao son acústico pona a guitarra eléctrica estupenda de Diego García “El Twanguero” en “Love Me Like You Used To” e non son menos atinadas as achegas do cello no baladón “Broken Strings”, os trombóns de “Don”t Waste Time”ou o whistle de “Only Human”, o exemplo máis obvio dunhas letras con mensaxes humanas e positivas canda “Whatever Happens”. Ademais das mencionadas, tamén funciona estupendamente a homenaxe ao mítico vocalista dos AC DC “Bon Scott, He Rocked” cos seus brillantes coros, banjo e baixo.

Sen facer ruído, con agarimo, sen présas nin máis pretensións que o traballo ben feito, Track Dogs fanse un oco entre os teus discos. Son esa banda doada de escoitar por calquera cun mínimo de gusto, por exemplo no coche ou nunha tarde relaxada pero luminosa. En breve estarás acompañando cos dedos sobre o volante ou os pés sobre a herba. E para o final reservan o san costume de recrear con mestría un tema alleo, desta vez o “Oh La La” dos sempre reivindicabeis Faces.

Pepe Cunha, 18-marzo-2016

AXENDA

21:00 h.
Capela do CC Torrente Ballester, Ferrol.
5 €