tórtel “transparente”

Agosto 08, 2017

Como en “Entusiasmo”(2012) e “La gran prueba” (2014) -aquí comentado-, volvemos constatar que o valenciano Jorge Pérez é todo un artesán do pop, un orfebre preciosista das capas, matices e detalles. Neste álbum volve xogar nun crebacabezas de pezas pop e entrega dez cancións asinadas con boa letra, de carácter atemporal, pero desta vez cun son máis envolvente e a presenza dos arranxos sintetizados. De feito, non é anecdótico mencionar a masterización de Joe Lambert, responsábel do son final de discos de bandas como Deerhunter, Panda Bear ou Animal Collective.

“Transparente” é un disco valente e honesto pero non ousado, pois equilibra ben o continuismo coa diferenciación na traxectoria de Tórtel. Hai tanto detallismo e intensidade sonora que poderiamos perdernos en diseccionar desde o comezo co toque cósmico de “Respira” até a única peza puramente instrumental, desas que chaman”orgánicas” e que incide na riqueza estilística do álbum. Na viaxe sonora entre ambas, e sempre dentro da tradición pop, hai momentos lixérsicos, caos controlado e detallista, harmonías bellas, aires beat, suaves toques progresivos, guitarras, samples … e a voz cálida e letras honestas e vitalistas dunha persoa madura que sabe expresar o que entende da realidade, ás veces con metáforas ben acaídas.

En resumo, celebramos un agasallo para amantes do pop atraíd@s pola convivencia do orgánico co sintético, do analóxico co dixital, E o que resulta máis importante se falamos de pop: que as cancións funcionen. “La casa de hojas”, “La luz de sempre”, “Transparente”, ”En defensa propia” … merecen que te achegues ao disco sen complexos.

Pepe Cunha, 8-agosto-2017

AXENDA