tórtel “la gran prueba”

Agosto 12, 2014

A boa acollida de “Entusiasmo” (2012), o seu segundo traballo, levantou expectación abonda ante a continuación do proxecto de Jorge Pérez (tamén membro de Maderita canda Julio Bustamante entre outros). Xa desde os primeiros cortes, coa canción homónima do álbum e “Segundo intento de detener la historia”, semella que non vai defraudar pois segue a confeccionar boas cancións de pop ao redor dos 3 minutos.

Porén, logo constatamos que este disco non vai ser nin moito menos continuista. O seu pop debe entenderse coma unha amálgama de música popular e “La gran prueba” é unha colección de cancións onde se pode encontrar psicodelia, canción mediterránea, pop colorista, de sintetizadores ou maneiras tropicais-caribeñas-andinas, especialmente na segunda parte do álbum con pezas coma a instrumental “Tórtel estuvo aquí” ou “Queríamos más”. Esta última tráeme á mente os grandes Ciudad Jardín e seguindo con posibles influencias, similitudes ou coincidencias, penso en nomes internacionais dos últimos anos como Animal Collective, Grizzly Bear, Fleet Foxes … pero tamén clásicos como Donovan ou Los Brincos, porque abonda o coñecemento e asimilación de moitas épocas, maneiras e rexistros sonoros.

Ao longo de máis de media hora gozamos dun manexo exquisito de samplers e ornamentacións, sempre escollidas e insertadas con acerto e gusto, ao igual que unhas letras máis que notables, ás veces con tinturas autobiográficas (“Canto oscuro, canto claro”) e outras máis misteriosas ou inspiradas en historias ou frases (“La vieja escuela” e “El rayo mortal” son magníficas) pero sempre precisas, evocadoras e nada espesas. Estas dez cancións producen impresión de artesanía na súa construción e gravación, facéndonos imaxinar un engadido estudiado e continuo de detalles aquí e aló. Todo sen que o esquelete de cada canción perda forza ou non sobreviva espido de ornamentacións instrumentais.

“La gran prueba” é unha mostra sobresaínte do que se coce no Levante español, con gravación nos estudios Río Bravo de Valencia con Cayo Bellveser (Maderita, Josh Rouse) e colaboracións de Rauelsson, Abel Hernández (El Hijo), Xema Fuertes (Maderita, Josh Rouse) ou Pau Roca (La Habitación Roja).

Pepe Cunha, 12-agosto-2014

AXENDA

Facebook