“Torre de Breoghán”, a produción máis ambiciosa da música folc galega, estréase o 21 e 22 de xuño no Pazo da Ópera da Coruña

Xuño 18, 2014

nota:

Este espectáculo de Luar Na Lubre xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia ‘Torre de Breoghán’ musica as invasións galegas de Irlanda
A produción inclúe 100 músicos no escenario, 50 persoas en labores de produción, 15.000 watios de son, 130.000 watios de iluminación e 70.000 lúmenes de vídeo
Luar Na Lubre rescata un relato épico da cultura celta para dar forma a un espectáculo onde música e efectos visuais se fusionan

Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica de Galicia estrearán no Palacio da Ópera da Coruña os vindeiros días 21 e 22 de xuño “Torre de Breoghán”, unha das máis ambiciosas producións da música galega na historia. O proxecto inclúe un espectacular directo que recrea unha ancestral historia épica con A Coruña, Galicia e Irlanda como protagonistas. Unha viaxe única a través da lenda dos Milesians a bordo dunha nave mecida pola música.

Este espectáculo colocará no escenario 100 músicos entre a OSG e Luar Na Lubre. Ademais, nesta produción están implicadas outras 50 persoas e empréganse 15.000 watios de son, 130.000 watios de iluminación e 70.000 lúmenes de vídeo.

Para Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, trátase dun “soño cumprido, un proxecto inspirado na historia da nosa cidade cunha das mellores orquestras españolas e europeas. Trátase de ofrecer calidade a través da maridaxe de dous referentes galegos a nivel musical”.

Este concerto xirará por España e por Europa con outras orquestras e terá unha versión CD, un filme dirixido por Jorge Coira e un libro a cargo do poeta Xabier Cordal. Os arranxos corren a cargo do músico coruñés Nani García, a dirección musical a cargo de Diego García, a escenografía é cousa de Franc Aleu (Premio Nacional de Audiovisual 2012) e as ilustracións, de Estefanía Cagigao.

A ruta dos Milésians

Coma se dun marabilloso descubrimento arqueolóxico se tratase, o grupo folc Luar Na Lubre rescata un relato épico da cultura celta para dar forma a un espectáculo onde música e efectos visuais se funden nunha especial alquimia. ‘Torre de Breoghán’ será un acontecemento musical inédito, unha versión orquestrada do mellor da banda galega, coa Orquestra Sinfónica de Galicia como acompañante de luxo.

A historia que narra está inspirada no libro Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións), un documento excepcional recollido da tradición oral irlandesa e transcrito polos monxes cristiáns desta illa no século XI. Nel relátanse, por orde cronolóxica, as diferentes invasións que foron sucedéndose en Irlanda. A última delas é a dos Milesios, que desde a cidade de Brigantia (actual A Coruña) partiron cara á illa despois de que Ith, fillo do caudillo Breoghán e líder Milesio, a descubrise logo de divisala desde o alto da torre que leva o nome do seu pai, a Thor Breoghán, que podería ser a coñecida actualmente como Torre de Hércules.

Guerreiros, embarcacións, druidas, feitizos… Torre de Breoghán será unha experiencia única e sobrecolledora, unha viaxe mítica para calquera amante da música e da cultura. Luar Na Lubre embárcase nunha nova aventura na súa constante aposta por situar a música folc na vangarda da escena musical contemporánea.

AXENDA