Dous grandes instrumentistas do país, o vibrafonista ourensá Ton Risco e o guitarrista da Pobra do Caramiñal Marcos Teira, levan unha década a tocar xuntos, a se entender e encontraren musicalmente. O debut discográfico do dúo disque tira o nome dun ciclo de concertos en Santiago onde participaron e probablemente comezaron traballar nesta proposta na que casan ou maridan os seus instrumentos nun repertorio equilibrado de pezas propias ou alleas. Se sabemos que Teira exerce moito de guitarrista flamenco e Risco de jazzeiro, tamén debemos considerar que en cadansúa traxectoria ambos os dous se achegan con curiosidade a outros estilos. Xa que logo, este exercicio de fusión e experimentación non podía ser calquera cousa e o resultado confirma o sentido da colaboración, pois transmite verdade, harmonía, liberdade, experimentación, gusto …
Entre as once pezas do disco recrean cinco títulos alleos máis ou menos populares e seis composicións propias. Entre elas, a archicoñecida “Alfonsina y el mar” de Ariel Ramírez e “Azabache”, que xa aparecían no repertorio de Puerta Sur , proxecto do propio Ton Risco con Dani Domínguez (batería) e Joan Masana (contrabajo). Risco tamén asina “Gris carioca” e “Tatín”, mentres que “Discontinuo”, “Farruco” ou “Palavras” son da autoría ou co-autoría de Teira. Durante todo “Circum” apreciamos o sentimento de liberdade que inspira o jazz e o arume flamenco de bulerías, farruca, tangos ou tanguillos sobre ritmos latinoamericanos como a zamba, o choro ou o vals peruano. Iso si, deixando levar a creatividade cara onde leve pois, por exemplo, “Jota da Morena” de Xoán Porto chega a algo máis psicodélico que tradicional. Ademais desta, salientaría as sorprendente “Farruco” ou “Tatín”, as falsetas de Teira en “Entre olivos” de Susana Seivane ou o clásico “Que nadie sepa mi sufrir” de Ángel Cabral.
Como en discos notábeis, a música de “Circum” pode chegar case a calquera público sen deixar de atraer a ouvidos máis eruditos; vale para deixarse levar e para analizar. A gravación e produción correu a cargo dos propios músicos cun son acústico preciso e precioso e a mestura e remasterización de Xavier Ferreiro. Finalmente non ían descoidar a edición física e atinaron con portada da deseñadora Rebeca Losada e a edición polo selo madrileño que asociamos ao flamenco-jazz: Youkali Music. Pasen e escoiten este “Circum”.
Pepe Cunha 17-outubro-2025


