Todo el largo verano “Na noite máis curta”

Decembro 12, 2025

Uns meses despois de comentarmos “Algunos cabos sueltos“, o traballo no que Todo el largo verano celebraba 20 anos de existencia, recibimos material novo do proxecto do ferrolán Alberto Amigo. En principio non atopamos sorpresas, pois non abandona os seus referentes do pop dos 60, cos Beach Boys á cabeza, o sunshine, Nilsson, e ese espírito de portas abertas a músicos amigos -ou amigos músicos. Porén, “Na noite máis curta” resulta un álbum de corte conceptual, cunha ducia de cortes baseada no tema de 2019 que tamén recuperan para fechar o disco (“Unha tarde no campo”) e que está inzado de instrumentais e dividido en catro partes: “Na sesta”, “No serán”, “Na noite” e “No mencer”.

Desde o comezo con “O sur” sentimos a luz inspiradora do Brian Wilson -de cuxos Beach Boys recrean esta vez “Time to Get Alone”- e unha aposta clara polo detallismo, as harmonías e a sinxeleza nos instrumentos e as voces. Cada parte do álbum ten o seu grupo de instrumentistas a confeccionar as pezas sempre ao servizo da melodía prinicipal e aínda que estea feito para escoitar en continuo, quen queira cancións salientábeis pode atopalas: a xovial “Ei de vagar”, a nana “Cierra los ojos”, “En mi isla” que lembra a vea máis comedida dos primeiros Kinks (“I’m on an Island”) ou a suavemente dobarrista “A néboa”. Alberto lidera e firma a maioría dos temas pero na idea de TLV suman achegas non só aos instrumentos senón tamén nas (co)autorías. Así, Luis Blanco inclúe un instrumental (“Os ceos despexados”) e participa en “Ei de vagar” (u-lo h?!) e “Litha”, onde tamén está Isabel García, e, finalmente, Jhosua colabora en “Cierra los ojos” e o Cuarteto de Cuerdas Morris en “Aurora”.

Todo el Largo Verano está nun bo momento. Amigo e compañía volven honrar as súas influencias musicais cun disco de pop cálido, familiar, poético pero sen ínfulas, nada pretencioso. Ademais mantén o seu carácter artesán -“Feito sen IA”- tamén na edición física, de novo con Ferror Records. Ademais, trae o agasallo dunha folla fanzine coas cinco letras de cancións e unha miscelánea de lecturas: dous textos (“Cri-cri” e “Litha”) e tres poemas de Fernando Marta (“Noite”, “Veciños”, “Vilalba”) e “Sobre o ser vagabundo” de Isabell Eberhardt.

Pepe Cunha, 12-decembro-2025

podes escoitalo e mercalo no seu bandcamp

NA SESTA: “O Sur” | “No bosque (Parte 1)” | “Os ceos despexados” | “En mi isla”

NO SERAN: “Litha” | “Ei de vagar”

NA NOITE: “Medianoite” | “Fica esta noite (conmigo)” | “No bosque (Parte 2)” | “Cierra los ojos”

NO MENCER: “A néboa” | “Aurora”

AXENDA

Facebook