Todo el Largo Verano “Algunos cabos sueltos”

Xaneiro 29, 2025

Xusto cando se achega aos 20 anos de existencia (2005-2025), o proxecto do ferrolán Alberto Amigo presenta un álbum novo, pero non cancións inéditas, pois reúne até once feitas entre 2017 e 2024. O título entendémolo como a presentación dunha repesca máis que unha colección de éxitos, aínda que algunhas pezas chegarían a esa consideración. Como acontece con Todo el Largo Verano, e independentemente dos músicos que acompañen Alberto en cada momento, estamos ante un manual de pop en diferentes variantes (power, con toques de psicodelia, barroco, folkie …) e sempre coa melodía e os coros en plan protagonista.

Para esta ocasión, media ducia de gravacións foron mesturadas ou remasterizadas de novo e catro regravadas: “¿Dónde estás?” e “Nueva declaración de intenciones” pertencían ao EP “Nueva declaración de intenciones” (2011), “Nueva declaración de independencia” ía aparecer nun EP que non foi e “Pues no es fuérais” era un CD single de 15 unidades (!!!) co que felicitaban aquel Nadal pandémico que frustrou as celebracións. Aínda que a maioría de cancións están compostas por Alberto, non faltan as versións nun disco destas características. Da súa contribución ao traballo colectivo tributo a Andrés do Barro “Pop, saudade e memoria. Unha ollada dende Ferrolterra” (Ferror Records, 2021) recuperan “Pra che falar de amor” pero na outra mestura que prepararan, a de máis instrumentación. Outros referentes pop son tamén obxecto de versións: “Me eligió a mí” é o “He Needs Me” de Harry Nilsson para a película “Popeye·; “(Non sei) Que faría sen ti” é unha adaptación atinada ao galego da gloriosa “God Only Knows” de Brian Wilson e Tony Asher para os Beach Boys e “Es como un sueño” pertence a Los Brincos.

Á calor do seu estudio caseiro El Tercero e coa complicidade profesional dos RRStudios, TLV segue ao seu ritmo e gusto, achégase á coherencia de disco malia a variedade das cancións e chega a sorprender co ar new wave de “Festa!” ou a espida “Al olivo”, unha canción tradicional que 6 mujeres asturianas grabaron con Alan Lomax en Llanes en 1952, que canta Carolina Rodríguez. Ah, e nunca fallan os deseños, como desta vez o de Luis Paadín.

Pepe Cunha, 29-xaneiro-2025

escóitao no seu bandcamp 

AXENDA