Desde o seu debut de 2011, esta banda da zona de Vigo non deixa de ofrecer tratados notábeis de música de raíces norteamericanas. Moito rock clásico, repasando rhythm & blues, rock & roll, soul sureño … Desta nova entrega agardabamos ver cara onde podían escorar ou que novidade tiñan que ofrecer e podemos sinalala en relación a dúas coordenadas máis luminosas e pop (California e as Illas Británicas) pero sen deixar de pasearen sobre esa ponte dourada entre os 60 e os 70. Ás referencias que nunca agocharon podemos sumar agora Big Star, Heartbreakers, The Kinks, The Beatles …
Con só un par de escoitas constatamos que volveron facer un disco magnífico. Moi completo, pois combina singles potenciais e directos con temas máis densos ou medios tempos. Dous temas por baixo dos tres minutos son auténticas bombas con cadanseus instrumentos invitados: “Everybody Runs” cos saxos e «Fire» coa harmónica que prende o lume a cargo de Óscar Avendaño. Eses ventos engaden máis brillo a algunhas desas composicións que seguen a construír desde a tradición para entregaren obras novas. Téñennos afeitos a tendencias máis inequivocamente norteamericanas como “Better Days Are Coming” ou unha versión xoguetona de “Let the Good Times Roll”, a romántica “Merry Go Round” podería ter aparecido no seu álbum “Black Cotton Limited”, “Better Days Are Coming” no anterior a este “Untitled o Vol. III,” … pero “Lying on the Grass” é unha mostra estupenda de pop guitarreiro e luminoso, e tamén recollen unhas benvidas influencias máis británicas en “In A Golden Brown”, “Keep On Fighting”, ou a máis hippie “In a Golden Brown».
Arriscan un chisco e, en cadansúa tendencia ou póla, as cancións e as melodías funcionan, que é o que importa. Froito de moitos e moitos concertos, a banda soa coma unha máquina perfecta, compacta e directa, cun Toño López que segue a cantar coma poucos no estado. Ademais, a gravación nos Radar Estudios de Vigo é coherente coa dos discos dos que gustan. Se cumpría outro álbum para se consolidaren, este ben pode ser “Plastic Jail”, cuxa canción final amosa unha onda psicodélico-sideral que talvez sexa unha fiestra aberta a novos horizontes. The Soul Jacket non se dormen malia unha traxectoria tan sólida e os límites musicais e temporais das súas influencias. Isto será un cárcere para outras bandas, pero no seu caso é dun plástico maleable.
Pepe Cunha, 11-abril-2019