The Soul Jacket “KICK Radio”

Outubro 06, 2022

Coido que esta banda da área de Vigo sempre soou “de manual”, guiada polas directrices dos clásicos da música norteamericana dos 60 e 70, desde as raíces do blues até o funky pasando polo soul. Porén, iso non significa que só sexan copias e carezan de frescura. Neste novo traballo, o sexto álbum en dez anos, amosan a súa versatilidade ao tempo que se camuflan baixo nomes ficticios de bandas que van soando nun paseo polo dial radiofónico. Si, estamos ante un álbum conceptual que piden se escoite de principio a fin, sen pausas ou saltos entre cortes: “KICK Radio é unha viaxe musical a través dos sons e o espírito que levaron á eclosión das emisoras FM en Norteamérica a finais da década de 1960.”

Salvado o anecdótico de disco conceptual e unha primeira impresión de “desparrame” ou caos estilístico, “KICK Radio” confírmase como outra achega a unha discografía notábel ao entregar pezas solventes de funk, breve en “That’s Right” ou máis extenso e con toque acid jazz en “Gonna Do It”, soul sureño en “Never Did That Before”, rockabilly en “Getting Good” … e desta vez achegándose ao castelán co tex mex de “Bendita muerte” ou o reggae de “El hombre de las estrellas”. A salientar tamén ese gusto para deixarse levar e alongar as pezas como “Never Did That Before” en contraposición a temas máis breves e directos como o single “Scratch My Back” ou “That’s Right”. Engaden ademais unha versión magnífica da peza de rock-funky-soul psicodélico “Just Dropped in (to see what condition my condition was in)” que popularizaran The First Edition (onde militaba Kenny Rogers, por certo) e finalizan dun xeito crepuscular cunha das miñas favoritas: “Just Like a Burning Day”.

“KICK Radio” supón un bo repaso sonoro á historia do rock máis libre, especialmente dos 70. A voz de Toño, a versatilidade e a solvencia instrumental e compositiva, a inquedanza á hora de xogar e cuestionarse para seguir a nos ofrecer máis cousas, manteñen The Soul Jacket ben arriba. Xa hai tempo que os tomamos ben en serio, superado hai moito ese tópico de que soan como as bandas de fóra. E fano gravando “na casa”, nos Radar Estudios de Vigo, coas voces de Gisele Jackson ou Roy Ellis a exerceren de DJs desta radio, e presentado nunha edición física ben xeitosa: as ilustracións de Raúl Maya “Flako” e deseño do baixista Jann Zerega e o batería Mauro Comesaña.

Pepe Cunha, 6-outubro-2022

https://thesouljacket.bandcamp.com/album/kick-radio

repertorio

1.Gonna Do It

2.Never Did That Before

3.Scratch My Back (album version)

4.That’s Right

5.Getting Good

6.We Called Her Mother

7.(Fighter Girl) Play The Night Away

8.Just Dropped In (to see what condition my condition was in)

9.Bendita Muerte

10. El Hombre de las Estrellas

11. Just Like a Burning Day

AXENDA