The Soul Jacket

Outubro 02, 2015

Co debut “Wood Mama” (2012) e o EP “Gunpowder Valley” (“13) causaron sensación entre amantes do rock clásico, principalmente sureño, pero este terceiro traballo semella palabras maiores. Só con unha escoita medianamente atenta xa se aprecia que este combo da zona de Vigo levou unhas composicións ben traballadas aos estudios Guitar Town para gravar con Hendrik Röver (Los Deltonos), que de seguro axudaría conseguir que soe natural, nada artificioso. Un acabado impecable e un abano de estilos interpretados cunha versatilidade abraiante: blues, soul, rock, boogie, folk, psicodelia, balada sureña e até algunha pinga de reggae ou funky.

Desde o comezo recibimos unha voz con presenza, poderosa e creíble, e xa sabemos o que iso atrae ao público en xeral, pero a pericia dos músicos non tarda en se manifestar ao cambiaren de velocidade, estilos e matices cunha naturalidade pasmosa. As cancións están cargadas de intensidade, tanto cando son máis breves, directas ou bailables como cando completan medios tempos ou se extenden en formas máis oníricas. A sección rítmica sempre está no seu sitio, máis sutil ou máis contundente, e os riffs de guitarra, as melodías co Hammond ou os ventos brillan sen perxudicar ou quitar protagonismo á canción en conxunto.

Todas as cancións teñen o seu valor propio (regusto folk en “Moonshine Whiskey Rye”, “Sleeping Bag Boogie” é todo un boogie rock rabioso, “Pictures on the Wall” e “Do It Right” son puro soul, “Smokin” House” lembra a esas pezas dos Doors tipo “Riders on the Storm”, “Natalie” soa a balada de New Orleans…) pero a triloxía central “Brothers” exemplificaría ben a soltura nos cambios de rumbo estilísticos. As letras parecen falar de tempos pasados pero son temáticas adaptables aos nosos tempos: amizade, escapismo, relacións humanas, ver o tempo pasar, rabia contida ou chamada á unión contra as inxustizas … Haberá discos cun maior grado de sorpresa na proposta estilística, pero non no acabado e a execución.

Toño López (voz), Mauro Comesaña (batería), Xabier Vieitez (teclado), Jorge Mizer e Guillermo Gagliardi (guitarras) e Jann Zerega (baixo) poden estar ben orgullosos e @s amantes do bo rock agradecid@s por recibirmos un traballo tan elegante como apaixonado. Escoitar o disco de principio a fin é un regalo e para apoiar a banda (disco autoeditado) a adquisición física é recomendable. Sen dúbida para amantes desa época dourada entre os 60 e 70 (Joe Cocker, Traffic, Steppenwolf, The Allman Brothers, Curtis Mayfield, Creedence Clearwater Revival, Lynyrd Skynyrd, The Band … e os Black Crowes, claro), pero tamén resulta un cebo para público neófito.

Falarmos de exercicio de estilo é quedarse curto, aínda que xuntaría The Soul Jacket a outras bandas galegas (Holywater, Niño y pistola …) que “cravan” o seu estilo de referencia pero que poderían ser de calquera parte do mundo. Sempre co respecto ao que sente e no que cre o artista, pregúntome se lles comentaría Röever o seu leitmotif de “el rock americano es posible en castellano” ou mesmo se eles plantexan se o rock sureño é posible en galego? Aí queda a cuestión mentres sigo a saborear este disco estupendo.

Pepe Cunha, 6 de febreiro-2015

AXENDA

22:30 h.
Sala Super 8, Ferrol.
8 / 10 €