the patinettes “commit to the light”

Marzo 04, 2013

Os aragoneses The Patinettes chegan a Galiza esta semana tras seren seleccionados para o circuito estatal de Girando por Salas. Presentan este seu segundo álbum con bo gusto ao estilo “americana”, esa etiqueta que enchoupa o pop-rock de sons de raíz como o folk, country, soul ou blues. Ás veces soan máis pop, como en “This Time We Will Fall in Love”, cuxo vídeo ligamos abaixo, ou “All Your Remains”. Noutras póñense máis roqueiros, na bailable “A Discotheque Song” e “Girl Made of Cinnamon”, peza máis longa do disco e probable homenaxe a Neil Young, especialmente na parte instrumental.
Na intensa calma da balada “Let”s Get Lost” lócese a voz un chisco rota e con soul de Patrica Destoky. Porén, non é ela quen se encarga sempre da parte vocal, pois Alberto, teclista da banda, tamén se defende con solvencia en “The Sun of Your Eyes” e na mencionada “Girl Made of Cinnamon”. Ademais do bo traballo nas teclas e a harmónica, non debemos esquecer o bo sabor que deixan os músicos invitados: os ventos a cargo de “The Flavor Horns”, o acordeón diatónico de Ignacio Alfayé e Benjamin Alcalde na voz, mandolina e guitarras nesa celebración colectiva que é “Waiting For The Last Train”.
“Commit to the Light” non achega nada novo, pero é ben desfrutable pola diversidade das composicións e unha ornamentación ben acaída.

Pepe Cunha, 7-marzo-2013

concertos en Galiza:
venres 8 de marzo no Pub Gatos, Melide.
sábado 9 de marzo no Con do Moucho, Illa de Arousa

AXENDA

Facebook