Este dúo novaiorquino debutou no 2014 coa multinacional Epic (Sony Music), algo que para moit@s semellaba chocar un pouco co seu discurso claramente esquerdista e de independencia. Ese álbum de debut “We Will Reign” (2014) contou coa produción de Brendan O”Brien e foi ben recibido. Levounos a tocar moitísimo polo mundo adiante, abrindo para Robert Plant ou The Who entre moitos outros. Porén, tocaba confirmarse con material novo e este atrasouse case cinco anos precisamente pola ruptura co poderoso selo discográfico. Seica necesitaban autoproducirse na procura dunha maior independencia creativa na gravación, algo que din que só foi posíbel tras deixar Sony.
As marcas de casa seguen a ser a voz poderosa de Delila Paz e as guitarras furiosas de Edgey Pires. Confirman a paixón polo rock and roll clásico, agora máis cru, de raíces e con pegada; con poucas fendas, a verdade. Talvez esas turbulencias para rachar o contrato discográfico influíron e pasaron por un momento duro que intensificou a súa proposta. Ben significativo da súa loita pola liberdade artística foi o feito de compartiren esta versión de Mahalia Jackson: “I’m Gonna Live the Life I Sing About in My Song,” (vou vivir a vida da que canto na miña canción)
O resultado destes anos é o disco que aquí temos, con cancións explosivas (“Hard times”, “Mind ain’t free”, “Tempest blues”, “Freak revolution” …) e, sen baixar a intensidade, baladas con toque soul tan potentes como “Soul on fire” ou “Need someboby”. Atopamos achegamentos a algo máis pop con “Try me”, “Hit Em with your blues”, mais tamén a unha atmosfera máis escura en “5th world”. Un total de dez cancións rodeadas por unha “Intro” e un peche onde a voz está só acompañada por palmas: “Outro”, en plan canto de traballo rural. O compromiso segue nas letras, pois son combativas e chaman á unidade e a actitude contra o capitalismo que nos abafa. Boa proba témola na canción que titula o álbum: “Some are born to kill / Others were born to run / Some need to keep on takin’ / Till you ain’t got none / But baby, I wasn’t built to die / Lay down and be crucified. / Nah, no matter how hard they try / To push me down / Still I rise / Soul on fire…”
Este é o disco que querían facer e a espera pagou a pena. Contén material perfecto para os seus potentes concertos e manterá contento a fans como Tom Morello (Rage Against the Machine, Prophets of Rage): “The Last Internationale are one of my favorites in the next wave of rebel rockers. They’re raw and real and mix East Village rock sensibilities with Battleship Potemkin firepower.”
Pepe Cunha, 25-febreiro-2019