The Land of Opportunity: Siniestro Total + T.A.C. 15-xullo-2011

Xullo 19, 2011

Até o de agora, asociabamos o festival Via Stellae principalmente a propostas de música clásica e antiga espalladas polo país a través de concertos en conventos, igrexas, monasteiros e outros lugares históricos. Mais este ano as cousas cambiaron no programa e boa proba foi o concerto do venres 15 no Auditorio de Galicia. A banda de rock galega Siniestro Total uníase ao Taller Atlántico Contemporáneo no espectáculo “Land of Opportunity”, unha suite sinfónica suicida baseada nas composicións dos roqueiros, dividida en 3 actos e con desmadre final (este último fóra do programa).

Disque hai uns meses o TAC propuxo a Siniestro Total (re)crear unha selección das súas cancións nunha fusión de rock, música clásica e experimentación para o Vía Stellae 2011. Este tipo de achegamento non é unha novidade dentro do mundo do rock, pero tampouco é algo moi frecuente. O mesmo Julián Hernández mencionou na súa primeira intervención falada desde o atril que Frank Zappa (ben sabemos que un dos seus admirados) ou Can xa colaboraran, respectivamente, con Pierre Boulez e o Ensemble Modern o primeiro e con Stockhausen os xermanos. Dentro do pop xa poderiamos mencionar moitos máis exemplos de colaboración con orquestras de cámara, dado que as melodías son máis adaptables e teñen lugar máis decote. Aínda que se falamos de experimentación e reinterpretación no noso país, non podemos esquecer a notable colaboración de Germán Coppini (ex-Golpes Bajos) con O.M.E.G.A. (Orquestra de música espontánea de Galicia) nunha edición da “Semana da poesía salvaxe” ferrolá.

A proposta do director do Taller Diego García Rodríguez, o encargado de traballar nesta adaptación do repertorio da banda viguesa aos pentagramas foi Javier López de Guereña, coñecido para moitos polo seu traballo de moitos anos con ese soberbio letrista que é Javier Krahe. Mais a meirande parte do repertorio de Siniestro Total non é tan acomodable a unha formación orquestral e, de seguro, a banda tampouco querería precisamente edulcorado. Evidentemente, hai pezas como o “Himno do Lagares”, “Tumbado a la bartola”, “Que les corten los huevos”, “Balada de Cachamuíña e Pita” ou incluso “Quen me dera na casiña” que si podiamos albiscar con cordas e ventos, pero a maior curiosidade estaba en escoitarmos outras máis contundentes e tan fortemente gravadas nas nosas mentes como “Bailaré sobre tu tumba”, “Ayatollah” ou “España se droga”. As primeiras entraron ben, con facilidade e foron agradecidas. Nas segundas houbo de todo menos a seriedade que podería pedir o recinto.

Como ocorrería ao comezo de cada parte, unha pequena introdución-speech nesa liña sarcástico-irónica-irreverente-retranqueira de Hernández (de traxe, como todos os músicos) daba entrada á música dos dos 14 músicos da orquestra coa banda de rock situada detrás. Abriu “Himno do Lagares” a pouco máis dunha hora de música dividida en tres bloques de continium musical, onde arranxos “clásicos” unían varias pezas dos Siniestro. “¿Quiénes somos?, ¿De dónde venimos?, “A dónde vamos?” xa desconcertaba, pero deseguido “Tumbado a la bartola” funcionaba sen sobresaltos. Aquí xa empazabamos a notar que a parte vocal de Julián ía ser a parte frouxa da actuación. O único membro orixinario da banda segue a amosar nos concertos certa desidia ao comunicar inxeniosas letras como “Todo por la napia” ou “Amarrado al duro banco”. Por certo, dalgunhas letras apenas se cantaba só algunha estrofa ou frase “Que les corten los huevos” (como na orixinal) ou “Miña Terra galega”.

Entre os momentos máis salientables, as cordas e ventos a todo trapo en “Oye, nena, yo soy un artista”, un “Ayatollah” repousado e acompañado de violíns, e a recuperación das súas escasas pezas en galego, como “Así a todo aínda menos mal”, a máis recente “Quen me dera na casiña” e aquel himno galego alternativo “Galicia, gran carallo de sal” asinado por Os Cantores do Sil e que soou ante un auditorio en pé e coreándoo. Como sorpresa final, e fóra do programa, introdúcese a archicoñecida “Sinfonía nº 5 en do menor” de Beethoven e Julián Hernández quítalle a batuta ao director para que o grupo perpetre o “Roll over Beethoven” de Chuck Berry. A formación do TAC deixa o escenario con “aparente” desaire pero vai recoller unha pancarta coa que saír a felicitar aos roqueiros no seu 30 aniversario. O público, tan variado en idade como corresponde a un cancioneiro prolongado durante tres décadas, estaba tan entregado como desde o principio e aplaudía en pé. Como fixeran con aquel espectáculo “Cultura popular”, a banda necesita de cando en vez saír desa rutina de gravación de temas novos, xira de presentación do novo álbum e o repaso deses himnos populares que foron entregando co paso dos álbumes.

Como corresponde a unha cita especial, case ineludible e probablemente única, moi poucos sairían defraudados, porque alí iamos escoitar algo diferente, aínda que algunhas pezas foran “das de sempre” e custase vestidas con outras peles menos eléctricas e recoñecibles. Xa que logo, o resultado duns días de ensaio da banda de rock e o TAC na Illa de San Simón resultou satisfactorio para o público que dun xeito diferente quixemos festexar que unha das nosas bandas cumpre os seus 30 anos.

As seguintes citas compostelás con este anovador Via Stellae serán o martes 19 co swing de The Ray Gelato Giants na Sala Capitol, o mércores 20 na Praza de Abastos co tributo ao “Kind of Blue” de Miles Davis a cargo do Xacobe Martínez Antelo Sexteto e o venres, de novo na Capitol, coa inusitada experiencia chamada Disco Barroco 2011: a mezzosoprano Magdalena Kozena, o contratenor Xavi Sabata, a Orq. Barroca de Venecia e o DJ Ln Riley.

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook