The Lakazans “Sandwina”

Febreiro 08, 2018

O terceiro disco da banda de Boiro chega para confirmar a madurez total dun proxecto que, desde o blues primitivo coma alicerce principal, afianza a entrada doutros estilos no espectro da “americana”: rockabilly, country, swing, soul … As voces complementarias de Sabela King e Almudena Gómez e os traballos de Figui nas filarmónicas e Benjamín Vázquez nas guitarras seguen a ser características da banda, pero as escoitas atentas recoñecen tamén unha base rítmica á altura. Ademais, malia practicaren un blues tirando máis ao acústico que ao eléctrico, evitan sonar “vintage” e amosan moita convicción; é dicir, non son desas bandas que semellan estar pedindo perdón para entrar nun xénero.

Só así se entende a determinación e seguridade para abriren o disco cunha peza brumosa e desacougante de 6 minutos: ”300 Pounds of Legend”. E para marcaren xa os extremos, deseguido alixeran e miran cara ao rockabilly coa colaboración de Martín Esturao (segunda guitarra rítmica e solo) en “Is not Enough!”. Até o epílogo con ”My Darling”, unha balada preciosa sobre o amor sen xénero e algo discordante co resto do disco (por iso está situada ao final), atopamos pezas áridas ou densas como a tradicional “God’s Gonna Cut You Down” (única canción allea), a country-western “Erase it From my Mind” ou “Let’s Make Love Until the Death of the Day”; outras máis relaxadas como o swing “Midnight Train” e a súa mención ao baile no Cotton Club, o achegamento ao soul da balada “My Dreams, The Truth, Your Heart” … ou o baile funky de “Better Later Than Never”.

Desde a portada coa muller forzuda Sandwina (Kate Brumbach) apréciase un carácter feminino forte que confirma a autoría das cancións: as vocalistas (principalmente Sabela, pero tamén Almúdena nun par de ocasións) son as autoras de todas as letras e algunhas das músicas, onde o protagonismo recae máis no guitarrista Benji. “Sandwina” é un disco de calidade e solvencia, dignísimo e rico nas súas coordenadas musicais e que promete concertos ben desfrutabeis. Non podemos evitar pensar noutros álbumes meritorios de bandas do país que, coma os seus referentes, tamén canta(ba)n na lingua internacional: Niño y pistola, The Soul Jacket, Moon Cresta …

Pepe Cunha, 8-febreiro-2018

Edita DotBeat

AXENDA

Facebook