the kinky coo coo”s “sweet, fun & ready”

Xaneiro 09, 2014

Quen temos ouvidos con certa querencia pola música xamaicana, sabemos que existe unha escea catalana practicando as súas variantes. Para sobresaír nela hai que ter certo nivel e o selo especializado Liquidator fixouse hai anos nesta banda barcelonesa que xa supera os dez de traxectoria. Está composta por nove músicos e conta cunha Instrumentación completa na que salientarmos o bo traballo do piano e hammmond, a sección de vento, as dúas voces femininas e uns coros omnipresentes.

No seu currículum, actuacións por Europa e participación en diversos recopilatorios incluso no Xapón. Xa que logo, falamos dunha banda con certa sona na escea reggae-ska-rocksteady internacional, en parte reafirmada coa experiencia de ter acompañado a artistas xamaicanos como Laurel Aitken, Roy Ellis, Dave Barker… Neste seu terceiro longa duración amosan un son ben arraigado no ska, reggae e rocksteady dos 60 e 70 (atopamos instrumentais como “Salvador, Negro Amor”, “Sweet Aretha”, o rocksteady máis desatado de “Good Vibez” ou contido de “Jack Tar On Dry Land” e “Hand Baggage”, reggae en “Keep Ya” Nose Out”…) … mais tamén influenciado por outros estilos negroides como o funk e o soul en “From Stem To Stern”, “Quiny Boy”,”Hokusai Girl’”…

Nesta combinación exitosa é onde atopamos a personalidade da banda. Como indica o título do disco, unha música doce, divertida e preparada … para as mentes máis predispostas ao baile, no máis puro estilo 60″s da música negra, co espíritu das grandes orquestras xamaicanas e uns xenerosos grolos de soul ou funk. Os 40 minutos, con pezas que duran o xusto e necesario, pásanse bailando e cun sorriso.

Pepe Cunha, 9-xan-2014

AXENDA

Facebook