Cómpre que poña por diante a miña devoción pola banda dos irmáns Davies, que celebra o 60º aniversario do seu nacemento con esta colección de 36 cancións. Tamén que son nome imprescindíbel do pop británico entre os 60 e os 70 tras superaren unha primeira etapa na chamada British invasion; da que, por certo, non tirarían tallada e$stadouniden$e até unha década despois. Cunha traxectoria máis errática nos 80, a chegada dos CDs e modas como o Brit-Pop, a súa discografía e o público beneficiáronse da recuperación dos seus arquivos.
Entón, se a estas alturas xa non queda nada inédito grazas ás reedicións ampliadas dos seus álbums, que ten de novo este recompilatorio que chega até o álbum “Schoolboys in Disgrace” de 1975? Pois que talvez sexa a introdución máis completa á banda porque non esquece os clásicos máis recoñecíbeis ao tempo que os membros en vida da mesma elixiron tamén cancións menos populares e varias desas caras-B de single polas que outras bandas venderían a alma: “It’s All Right”, “She’s Got Everything”, “Who’ll Be the Next in Line”, “I’m Not Like Everybody Else”, “Mindless Child of Motherhood” e “This is Where I Belong”, “Where Have All the Good Times Gone?”… Desde o seu hit máis recoñecíbel (“You Really Got Me”) a talvez a maior xoia agochada (“Shangri-La”), imos degustando auténticas alfaias agrupadas en bloques temáticos: facerse un home e buscar a identidade, a ambición e o sabor amargo do éxito, as reflexións sobre o que queda atrás e os novos comezos nunha relación.
Como tiña que ser, os dous CDs veñen acompañados dun libreto con fotos e notas persoais canción por canción escritas polos irmáns Davies e Mick Avory. Sexa cal for a escusa para a presentación, a mellor recomendación é comezar por unha colección coma esta e despois ir recuperando traballos tan marabillosos como “Village Green Preservation Society”, “Something Else”, “Muswell Hillbillies”, “Face to Face”, “Arthur…”, “Lola …” . E que non falte dicir que nun álbum “normaliño” dos Kinks sempre atoparás algunha xoia dese excelso compositor pop que é Sir Raymond Douglas Davies. Apostaría a que unha Part 2 deste The Journey se centrará nesta idea entre 1975 e 1994.
Pepe Cunha, 15-xuño-2023