O cheo case absoluto na Capitol confirmaba o acerto do ciclo Galicia Importa: había expectación por ver a The Jon Spencer Blues Explosion nunha boa sala. A sona dos seus intensos directos en festivais conseguiu que até Compostela nos achegasemos unha noite de martes para gozar dunha festa de electricidade e músculo. Mais talvez moitos tiñamos unhas expectativas demasiado altas.
O que fora líder dos Pussy Galore xuntouse a comezos dos 90 co guitarrista Judah Bauer e o baterista Russell Simins para facer algo menos rock and roll, máis primitivo, con clichés do blues levados a un ruidismo minimalista e unha dose notable de anarquía. O seu rock alternativo conquistou a boa parte da crítica e tamén a un público que vai do indie máis ou menos dixerible aos amantes de sons agresivos e viscerais, musculosos. De aí a variedade dos asistentes, pero xa pasaron 20 anos e dende o 2004 non editan álbum novo. Non obstante, a figura de Jon Spencer sempre é un reclamo ao manter outros proxectos, como Heavy Trash, que xa o trouxo por Galiza.
Presaxiabamos unha potente sesión de rock suoroso, pero a apisonadora fíxonos sufrir máis que gozar, foi máis agresiva que intensa. O son pasaba de alto a ferinte, especialmente nos agudos, co conseguinte agarrotamento de boa parte do público, que non era quen de relaxarse e deixarse levar. Si, o trío seguramente quería transmitir moito ritmo e intensidade, con constantes cambios, empalmando unha canción tras otra, pero sen tempo para asimilalas ou distinguilas. Bauer mallaba nas caixas coma unha besta e Simins complementaba a Spencer nas espesas cordas. Porén, e de seguro axudado polo mal son, o que predominou foi o tedio, a repetición, o non aprezo dos matices (poucos, xa o sabiamos) a pesar de ir achegando agora distorsión, despois un chisco de theremin ou uns riffs por momentos epilépticos. Sen apenas dirixirse ao público ou parar a botar un grolo, completaron 70 minutos sen pausa nin sosego. Despois dos 5 minutos de pausa, outros 15 de bis coa deconstrución de “Bellbottoms”.
De seguro, a seguinte cita do Galicia Importa (Thurston Moore no Ágora coruñés ao día seguinte) prestou máis para unha escoita repousada. Xa, son propostas diferentes, pero por moi alto que un queira soar, fallar na Capitol ten pouco perdón.
Pepe Cunha, 16/03/2012