The Jayhawks co piloto automático. Ciclo Galicia Importa, Sala Capitol 27-set-2012

Setembro 28, 2012

A nova edición do ciclo Galicia Importa abriuse con The Jayhawks, a elegante banda de pop rock americano que brillara nos 90. Sen dúbida, unha elección atinada, pois a Sala Capitol esgotou as entradas e rexistrou un deses cheos até a bandeira que noutra sala serían insufribles. Afortunadamente, na sala compostelá a visibilidade é óptima e as bandas con bo son non defraudan, como atestemuñamos tamén con outras que por alí pasaron (Teenage FanClub, Cracker, Yo la Tengo, Tindersticks … ). Outra cousa é o estado de forma e ánimo da banda, onde si frouxeron os Jayhawks.

Aínda que xa visitaran Galiza, fora cando Mark Olson, cabeza visible canda Gary Louris, abandonara a banda. Nesta ocasión si viñan os dous, cun correcto álbum editado no 2011 (“Mockingbrid Time”) e as composicións asinadas de novo polo dúo. Resulta significativo que destas só interpretaran tres ou catro e fose na primeira parte do concerto. Se sumamos que as concesións ao repertorio dos Jayhawks sen Olson foron dúas do “Rainy Day Music” (03), ao igual que á carreira en solitario de Olson, temos que interpretaron maioritariamente cancións dos dous grandes discos do tándem Louis-Olson: “Hollywood Town Hall” (92) e “Tomorrow the Green Grass” (95). Talvez todo demasiado correcto e predecible, pero agasallaron con tres versións alleas. Unha delas, o “Sin City” dos Flying Burrito Brothers sorprendentemente na mesma metade do concerto.

Xa que logo, había material efectivo abondo para gañar ao público que non viña xa rendido, pero nin o distribuíron con tino nin transmitían demasiada ilusión nesta xira reencontro. Unha parte do concerto resultou cha, con demasiada presencia de medios tempos e o público agradecía a variedade que achegaron ao interpretaron “Up Above My Head”, “Two Hearts”, “Miss William’s Guitar”, “Angelyne” ou a versión final dos Grand Funk Railroad. Porén, onde non hai pega é na execución, tan impecable como esperabamos, no son ( como axuda a Capitol! ) dos instrumentos e na precisión das voces, onde brillou o batería e andivo tirando a escaso o Olson.

Un concerto tan correcto como cabía esperar, con todos os ingredientes pero carente dese plus de presentación que consegue completar un prato rico. Como se funcionasen cun piloto automático e bastase con tirar do que dominan cos ollos pechados.

A seguinte cita co Galicia Importa será noutro recinto de luxo como o Auditorio de Galicia e con toda unha Mavis Staples que tan bo recordo deixou na súa visita a Pontevedra dentro do Festival de Jazz hai uns anos. Alí quedamos!

Pepe Cunha, 28-set-2012

listaxe de cancións revisada co compañeiro Xavier Valiño

Wichita
Cinnamon Love
Red’s Song
Two Angels
Closer to Your Side
Take Me With You (When You Go)
She Walks In So Many Ways
Blue
Pray for Me
Sin City (The Flying Burrito Brothers cover)
I’d Run Away
Clifton Bridge
Angelyne
Black-Eyed Susan
Two Hearts
Miss Williams’ Guitar
Settled Down Like Rain
Up Above My Head (Sister Rosetta Tharpe cover)

Tampa to Tulsa
How Can I Send Tonight
Waiting for the Sun
Bad Time (Grand Funk Railroad cover)

AXENDA