Se a estas alturas non oíches falar desta banda é que non andas nada ao tanto da fornada galega dos últimos dous ou tres anos. A base de divertidos concertos de contundente trío de power pop, temas con gancho e bagaxe previa (en formacións como Samesugas, Fame Neghra ou Redullos) foron converténdose nun dos nomes máis populares da música cantada en galego. Aínda podes seguir a baixar da súa web as cancións en mp3,
Esta súa terceira gravación xa aparece con discográfica (Falcatruada) e entrega unhas gravacións que veñen producidas con mellores medios e máis tempo, repercutindo favorablemente no son. Santi García (responsable dos estudios “Ultramarinos Costa Brava”) introduciu arranxos de hammond, trompetas, acordeón ou percusión e haberá quen pense que así xa soa demasiado elaborada a proposta, perdendo frescura ou inmediatez. Nunha primeira escoita non lles faltaría o seu chisco de razón para con algunhas cancións, mais logo se constata que este álbum non perde as pegadas do post punk, o power pop ou o descaro nas letras (“Monte Moriah”, “Calamar”, “Cen días”, “Mr. Vai Mal”…). Ademais engade a procura de novas miras estilísticas como na intensamente lenta “Opositora”, “Le Colombière” ou “Prende o sol”.
Dende xa, un álbum referente para o noso país. Se para España Los Brincos fixeran o “Dance the pulga”, pois para Galiza “Dance the troita” con The Homens.
Pepe Cunha, 02-novembro-2007