the homens “Cuarta potencia”

Decembro 21, 2009

Aínda que cos EPs autoeditados “1” (2005) e “2” (“06) xa comezaran facerse un oco na precaria escena do pop rock galego, foi co seu primeiro longa duración que o trío santiagués se convertiu nunha das nosas formacións ineludibeis da actualidade. Dado o bo resultado dese seu primeiro álbum “Tres” (Falcatruada, “07), repetiron nos estudios Ultramarinos Costa Brava con Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy…).

Iso si, a súa proposta musical mellorou coa incorporación de Cristovo aos teclados, cuxo traballo xa se aprecia desde “Perfecto” ou “Tigre, tigre!”, boas mostras de que seguen a soar a eles mais co plus dese “colchón sonoro”. Non abandonan o ruído e a enerxía e as referencias seguen claras: pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta.

Si, soan máis pop, como en “Crocanti”, pero na amplitude estilística do termo, non no pexorativo senso de “mol”. Coidan máis as melodías, amosan un renovado interese pola psicodelia, atrévense cun chisco de experimentación e dan unha volta máis aos arranxos e textos. Entre os estimulantes 34 minutos, salientamos tamén a acústica “À la guillotine”, o toque nipón de “Nada está tan alto” -talvez a menos predecible para os seus seguidores-, a inmediatez de “Hamster” ou a combinación da acústica co sólido ruído da eléctrica en “Alba nuclear”.

Agora toca confirmarmos se o seu directo cumpre con esta gravación. Se aínda non os tomabas en serio, talvez xa estás tardando. Edita o rexurdido selo santiagués Lixo Urbano.

Pepe Cunha 21-decembro-09

AXENDA

Facebook