The Godfathers cumpren expectativas en Le Club Directo, 15-feb-2013

Febreiro 19, 2013

Os curtos tempos de gloria da banda londinense The Godfathers foron a finais dos 80, cun par de bos discos que ficaron na memoria de moitos por estes lares. “Birth, School, Work, Death” e “More Songs About Love and Hate” contiñan un feixe de cancións ora máis punk ora máis pop, sempre directas e contundentes. Ademais, editaban cunha multinacional e daquela nas radiofórmulas aínda escoaba boa música. As boas cancións resisten e sumadas á nostalxia crean expectación no público, aínda que sexa minoritario, e poden rentabilizar unha xira. Deste xeito, aínda que a banda non editaba álbumes desde 1995, regresou agora a España para unha ducia de concertos e cun disco en estudio, “Jukebux fury”.

O concerto da sala Le Club foi só o terceiro desta xira española pero xa semellaban algo cansos, con momentos nos que baixaba a intensidade a pesar de cinguirse a unha hora e cuarto. Co seguro do carisma do vocalista e o innegable gancho de “Cause I Said So”, “She Gives me Love”, “Walking Talking Johnny Cash Blues”, “Love”s Dead”, “If I Only Had Time” ou o seu gran hit “Birth, School, Work, Death” (momento álxido do concerto), non ían fallar, pero non é o mesmo ter 25 que 50 anos para defender esas cancións co nivel de adrenalina desexable. Iso si, xa lles gustaría ter a moitas bandas máis novas transmitir esa forza nas composicións.

Particularmente, botábase en falta outra guitarra, como nos bos tempos, pero da formación orixinal só quedan os irmáns Peter (voz e guitarra) e Chris Coyne (baixo) apoiados agora por un batería correcto e un guitarra que por actitude e estetica ás veces semella a outra historia. Ademais das clásicas mencionadas, as primerizas “This Damn Nation”, “I”m Unsatisfied”,”I Want Everything” e pezas máis recentes como “Back into the Future” ou a ramoniana “I Can”t Sleep Tonight” axudaron a completar un concerto correcto, que tratándose dos Godfathers xa abonda para que o medio aforo da sala non saíse decepcionado. E menos tras o final coa “Cold Turkey” de Lennon. Algúns esperabamos algo máis, pero porque dos bos é comprensible facelo.

Pepe Cunha, 15-febreiro-2013

AXENDA