Chegamos á sala Mardi Gras e queda xente fóra; todo vendido. É martes, si, pero evidentemente había expectación polo directo dos veteranos Fleshtones. O público é diverso, de diferentes idades e gustos, pero coa debilidade polo son de garaxe. Aos que repetiamos uníansenos os curiosos que oíran falar dunha presumible festa de rock and roll. Non podían andar desencamiñados, pois a velada abriu coa entrega, cinco anos despois, dun premio ao mellor directo internacional da desaparecida sala ourensá Rock Club. Que máis se pode pedir? Pois que os protagonistas non defrauden.
Comezou con retraso o concerto, pero fíxoo con forza. Ía quedar ben claro que a banda formada en Nova York a finais dos 70 seguen a ser uns auténticos gamberros do rock and roll a pesar de superar a cincuentena. A súa proposta é simple e directa, facilmente recoñecible: revival garaxeiro do rock and roll clásico, das doses de rockabilly, R&B e moito cheiro a ’50s e ’60s. O que non resulta habitual é a total interacción coa audiencia, a súa característica máis relevante. Como tiran máis de adrenalina e músculo que de virtuosismo e calidade, poden permitirse non deixar de moverse, marcarse unhas pequenas coreografías, baixar do escenario e cantar co público. Niso son uns mestres, sen dúbida, e así o demostraron en pouco máis dunha hora. Si, foi breve, pero mellor así, que a proposta tampouco non dá para moito máis que bailar.
De vez en cando senta ben recuperar o espíritu dunha sala pequena, do tumulto que baila entre tropezos, dese son por momentos atronador, da complicidade de seguirmos vivindo a música nas distancias curtas. Nin sequera faltou quen quixo contribuír ao ambiente engadindo fume á calor humana, algo que semellaba xa superado. Como din os propios Fleshtones nun par de cancións, esas cousas sinxelas que nos poden facer sentir ben e felices: “Feels Good to Feel”, “Whatever Makes You Happy”.
Hoxe mércores estarán na sala Moon de Compostela. Xa sabedes, festa asegurada.
Pepe Cunha, 8-febreiro-2012