the criers “sexercise”

Novembro 12, 2015

Eis un proxecto novo a cargo de músicos que non o son tanto. Á fronte, o compostelán Adrián Costa que, xunto a Marcos Coll, lideraba aquela banda magnífica de blues chamada Los Reyes del K.O. e que editaran 6 discos, traballando desde comezo de século a nivel europeo con base en Berlín. Hai uns anos, Adrián marchou traballar á área de San Francisco, onde profundizou na súa paixón polos sons “negros” como o funk e o soul engadíndolles un chisco de latinidade. Autodefínese como “modern vintage rock and soul”, pois The Criers procura o espíritu do blues acompañado de pop, rock, soul ou rhythm and blues. O disco reflicte que Costa é un bluesman de mente aberta: rico en influencias combinadas con gusto. sapiencia e destreza.

“Sexercise” resulta un disco ameno, con nove temas directos (3, 4 minutos) que te poden levar máis cara ao rock (“Be Cool”), ao ska-rocksteady (“Do the Kid”), ao soul latino (“I”m Yours”), ao máis puro (“Here comes my baby”, “You got love”) , calypso (“You Will”) … Está ben servido deses detalles que con frecuencia marcan a diferencia no acabado: o órgano Hammond, a sección de vientos, os coros … Ademais, semella clara a idea de soar a banda, pois a pericia que lle coñecemos á guitarra non é sinónimo aquí dun protagonismo excesivo. A competencia ás cordas de Costa non é das que chegan a abafar por buscar a impresión. Os ouvidos atentos non necesitan deses excesos.

Se os textos marcasen a diferencia xa falariamos dun disco con posibilidades de deixar máis pegada. As letras non brillan pola súa orixinalidade, sorpresa ou excelencia (expandir o amor, as ganas de deixarse levar, facer música e compartila, o amor que está ou marcha…), pero Costa as canta con solvencia e empastan ben coa música. O resultado é un disco tarareable, bailable, entretido e aberto, que se entrega máis á inspiración que aos consellos: “Mama told me me to follow the muse / pay no mind if they say it”s no use”. En España defenderán o disco Luca Frasca (piano, órgano Hammond), Coke Santos (batería), Pablo Pérez (guitarra), David Salvador (baixo) e o propio Adrián manexándose con solvencia na voz e a guitarra. A cita galega será o sábado 19 de decembro na Sala Capitol da súa cidade.

Pepe Cunha, 12-novembro-2015

AXENDA

Facebook

21 hours ago

Ábrete de orellas
Bigott visita esta semana Galiza con "Back to Nowhere" , o seu novo disco, nervioso, directo, post punk. Xoves en Club Clavicémbalo Lugo, venres na Sala Radar, Vigo, e sábado na Sala Ruido , Ferrol.11 track album ... See MoreSee Less
Ver en Facebook