publicado no suplemento “Sermos” de Nós Diario o 18 de xullo de 2026
“Da incapacidade de imitar os teus grupos favoritos sempre saen cousas persoais”, comentou con modestia Carlos Rego sobre unha canción de “Aquí conmigo” (2023), o debut da banda ourensá que bautizou co seu segundo apelido. Pois nunha traxectoria de décadas xa xunta abondas cancións “persoais” este compositor, vocalista e guitarrista que segue acompañado polo batería Aser Álvarez, como en Cosecha Roja ou Burgas Beat. Ademais, nesta aventura suman tamén as bagaxes de Dani Alonso (Blood Filloas, Boy Elliott, Os Amigos dos Músicos) aquí ao baixo e Anxo Fernández, teclas e acordeón nos Guezos. Xa que logo, eis un exemplo claro de proxecto recente con vimbios experimentados.
As súas referencias estilísticas casan con esa corrente da que Rego é erudito (escribiu o libro “Nuevo Rock Americano. Años 80”): rock de tradición norteamericana ora subterránea ora clasicista. En canto á lírica, contan sensacións e lembranzas derivadas da madurez como valorar o cotiá, o ritmo e o lugar propio, o paso do tempo, a observación. E a poesía, pois abren coa adaptación de “Amo la ciudad” de Karmelo Iribarren, seguen con “Revisando os danos” de Lois Pereiro, non falta un chisco de ollo a Manuel Antonio e fechan con “Silencio de Ourense”, poema de autor descoñecido que canta Dani. O resto das letras veñen firmadas por Rego, que recoñece un feixe de “inspiracións e préstamos literarios e musicais máis ou menos obvios”.
Como naquela estrea, moi ben recibida por crítica e público interesado no estilo, reafírmase o bo facer compositivo de Rego, ao que acaen ben cualificativos como atemporal, nostálxico, maduro ou melodioso. Por sinalar algunha diferencia, aquel verniz talvez más garaxeiro deixa paso a un son máis traballado, macerado, acorde cunha banda consolidada. Dito isto por lle buscar algunha diferencia a un proxecto do que non agardamos máis sorpresa -como se fose pouco!- que boas cancións e un son axeitado. Nun mundo aparte das modas, do hype e mediocridades que si teñen padriño, aquí importa o equilibrio entre unha boa melodía, a letra e o envoltorio musical, as cancións que transmitan sinceridade e non descoiden o esencial.
Destas, “No centro do mundo” ofrece dez con cadansúa personalidade, pois soan diferentes entre si e xustifican un álbum fronte ao sinxelo. Por certo, o título aparece no poema de Lois Pereiro “Revisando os danos” e na bucólica “Merlo”, dúas das miñas favoritas canda “La sombra de lo que fuimos”, “Tus llamadas” tan ao Crazy Horse, “Aprendiendo el oficio” aos Television e as outras dúas pezas en galego: “Sós” e a folkie “Silencio de Ourense”. Oxalá nos entreguen máis galego no futuro, pero sabemos que con Rego mandará a inspiración fronte ao oportunismo.
Pepe Cunha, 2-xullo-2026
Tesouro “No centro do mundo” (Hanky Panky Records, 2026)


