Tras a desaparición silenciosa da súa última banda -Burgas Beat-, só sabía de Carlos Rego na súa faceta de escritor e comentarista musical en revistas como Ruta 66 ou Tempos Novos. Mais hai case dous anos chegáronme unhas gravacións que amosaban que o becho de facer e compartir cancións seguíalle aí. Pintaban ben e afortunadamente agora recibimos o proxecto que colle o nome do seu segundo apelido. Aquelas “Brillo” e “Roimelo” abren as dúas caras dun vinilo que é toda unha homenaxe a esa corrente da que é erudito: pop-rock de guitarras, pezas de 3-4 minutos, os retrousos e as melodías como alicerces e as leccións de referentes como The Smithereens, The Feelies, Green on Red, Steve Wynn / The Dream Syndicate, os primeiros R.E.M. … “Da incapacidade de imitar os teus grupos favoritos sempre saen cousas persoais”, comenta Rego en bandcamp sobre “Brillo”.
Esta frase podemos entendela como un exercicio de modestia, do recoñecemento de fontes de onde bebe e que non ten ínfulas de ser orixinal. Porén, tamén apunta a súa personalidade, o seu selo, porque xa sabiamos que escrebe moi ben e aquí temos dez das súas mostras. Ben, propias propias son nove pois recuperan “Ninhodaguia”, unha preciosidade agochada do seu amigo e biografado Magín Blanco, quen chegou a ter un dúo homónimo e acústico con Dani Alonso (Blood Filloas, Neno Elliott, Os Amigos dos Músicos), que aquí se estrea como baixista e pon os coros. Completa a solidez do trío a batería de Aser Álvarez, compañeiro en Cosecha Roja e Burgas Beat, e un cuarto Tesouro, que é Anxo Fernández ás teclas.
Saben que están á marxe de modas, do hype e das mediocridades que si teñen padriño, así que se centran en completar cancións sinceras, directas, que non sacrifican o esencial e foxen de distraccións banais. Transmiten a calor de estar cociñadas no local de ensaio con agarimo, sen présas, e falan de sensacións e lembranzas que tarde ou cedo nos chegan: a perda de seres que nos marcaron, as aprendizaxes e leccións agridoces na vida, a simpatía ou a rabia que xeran algunhas actitudes ou a satisfacción de atopar un lugar como “Roimelo”, achegamento atinado ao galego e unha das miñas debilidades canda a peza que fecha e titula o álbum. O talento compositivo de Carlos Rego era un luxo do que non podiamos prescindir e así o demostra este tratado canónico e variado de pop-rock ao que lle acaen ben moitos cualificativos: clásico, atemporal, nostálxico, maduro, melodioso, experimentado …
A discográfica vasca Hanky Panky estivo atenta e preséntanolo fisicamente con 250 copias en vinilo. https://hankypankyrecords.bigcartel.com/product/tesouro-aqui-conmigo
Ppepe Cunha, 8-xaneiro-2022
https://tesouro.bandcamp.com/album/aqu-conmigo
Cara 1
1.- Brillo
2.- Todo Es Tan Raro
3.- Conciencia Tranquila
4.- Tu Mejor Disfraz
5.- Dile A Mis Padres
Cara 2
1.- Roimelo
2.- Caléndula
3.- Los Contadores de Estrellas
4.- Niñodaguia
5.- Aquí Conmigo