Terra da Fraternidade. Galiza a Zeca Afonso, 10-maio-12

Maio 13, 2012

“Grândola Vila Morena”, canción emblema da portuguesa Revoluçao dos Cravos, foi estrenada no antigo Burgo das Nacións de Compostela o 10 de maio de 1972. Co gallo de festexar o 40º aniversario deste feito e reivindicar a figura do seu autor Zeca Afonso, xurdiu unha iniciativa autoxestionada que tirou de boa parte do sector cultural galego. Tomando unha frase da canción coma título, programaron unha semana de actividades cuxa cita máis importante tivo lugar o mesmo 10 de maio no Auditorio de Galicia. Alí, artistas galegos e portugueses apoiaron a causa nun festival multidisciplinar que celebrou a unión do Zeca co noso país e o legado das súas cancións, máis reivinidcable que nunca nesta época de abusos que vivimos.

A media hora de atraso xa lembraba que non ía ser unha cousa rápida, que había moitas entradas e saídas que coordinar, pero o público que ateigou a sala principal do Auditorio aceptouno con comprensión. Entendiamos o carácter especial da organización e sabiamos que pagaba a pena a espera porque o palco zumegaría moito talento. Non só musical, pois presentou o acto Carlos Blanco, que fixo tamén o seu monólogo, como Quico Cadaval case ao final. Reivindicativos e acedos, arrincaron unha noite máis sorrisos e gargalladas a esgalla. Tamén a nota de humor do grupo de teatro Chévere foi do mellor da noite coa súa hilarante visión de como se fraguou esa noite de cantautores e reivindicación con Raimón, Benedicto e o propio Zeca.

A maior protagonista do festival sería a musica, como corresponde a figura do Zeca, e para iso argalláronse dúas bandas coas que as diferentes voces reinventarían as cancións como máis lles prestaba. A Banda Utopía acompañaría aos artistas máis achegados ao folk con Xacobe Martínez Antelo, Santi Cribeiro, Sérgio Tannus, Isaac Palacín e Bruno Cardoso. A máís roqueira e mestiza Banda Fura Fura estaba integrada por Olivier, Manu Paino e Martiño, Roi Maceda, Brais, Fran Amil e Antón Díaz.

Algúns artistas non precisaban de acompañamento, como un Narf (Fran Pérez) que estivo magnífico só a voz e guitarra eléctrica, o trío Xico de Carinho, H. Heredia e M. Bacalhau, o dúo de peixes Guillerme Fernández e Xabier Díaz, o recitado de Ze Rui, ou as formacións de seu como Agência de Viagens, que puxo a nota de deconstrución-spoken word con Tiago Gomes á fronte.

Cantando coa Banda Utopía, e nalgunhas pezas tamén magnificamente acompañados pola formación vocal Vox Stellae, estiveron Joao Afonso, Uxía, Najla Shami, Brais Morán, Aline Frazao e Xoán Curiel. Coa potente Banda Fura., O Leo i Arremecaghona e MC García -espertando con transgresión, rapeado e recitado aos máis acomodados-, e o baile reivindicativo cs dúos de Sés e Bocixa e Xurxo Souto e Ico. Con esta calidade e eclecticismo que subiu as táboas do Auditorio, as 3 horas que durou o espectáculo pasáronse abondo fluídas, sen chegar a cansar ou deixando con ganas de máis, segundo os gustos e as actuacións.

Non faltaron a proxección de anacos de declaracións de xente da cultura en torno a figura do Zeca e o final, non por previsible menos emotivo, cun auditorio en pé, artisttas en público, entonando con emoción o “Grândola Vila Morena”. O legado do Zeca dá para moito e o Terra da Fraternidade quixo devolverlla con xenerosodidade, con reivindicación e valentía, con maxia e sensibilidade. A salientar o mérito da organización ao marxe das institucións: houbo que pagar ao Concello polo aluguer do Auditorio e a Servinova pola xestión das entradas. Quen queira axudar a edición dun disco e un documental e ver o concerto completo, que faga uso das ligazóns que abaixo achegamos.

25 de abril sempre!

Pepe Cunha, 13-maio-2012

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook