Telephones Rouges pasan pola casa
Anunciamos a presentación dos Telephones Rouges no Twist & Shout Clube de Ogrove, este sábado 29 de decembro. Volven tocar na casa no nadal, como moita outra xente, e invitamos a pasar unha noite de festa en tempos de festas.
Presentan un hai nada editado LP chamado “Disenso” (Matapadre/Mama Vynila Records). Unha colección de cancións que o grupo está a presentar nunha xira por moitas cidades do estado. Un disco de 12″ que poderedes conseguir no concerto.
En culturadeseu.com falaron deles no Rolling Over 2012:
“Xa levan dende o 2007 dando que falar por todo o territorio español, con moitos concertos ás costas, e xa levan 5 anos como banda. O seu nome, coma adoita ocorrer nestes casos, foi froito da inspiración momentánea (“ao chou”) e saiu da cabeza de Rubén Domínguez Pérez (1987, O Grove) que baixo o alias de Rubena toca a guitarra, o teclado e os berros –coma eles mesmos se refiren á parte vocal–. Cada un, amais de ser parte do grupo, ten a súa vida profesional e académica. Xa se sabe que nesto da arte, en calquera das súas manifestacións, senón é mainstream, é moi complicado poder gañar o suficiente para chegar a fin de mes tranquilamente, e durante un tempo estable e prefixado. Os chavales dos Telephones, a pesares de traballar e actuar a reo, non poden nin sequera investir na mellora dos seus equipamentos. Pero polo menos agora xa non perden cartos e van, coma se di, tirando.
Son parte do grupo dous irmáns. Os Unruh. Na guitarra, teclados e berros, está o maior deles, Matías Unruh Piñeiro (1987, O Grove), baixo o alias Matitas Auch, e que produciu ‘Max Split’ co grupo barcelonés Piñata nos Estudis Ground de Girona, coa colaboración de Jordi Brugues baixo o selo de Mama Vynila Records. O menor dos irmáns é Alexander Unruh Piñeiro (1990, O Grove) que toca o baixo e tamén berra, baixo o nome Alitos, e que compaxina a vida de músico cos estudos de Medicina en Santiago de Compostela.”
Apertura de portas: 23:00.
Twist & Shout Club, Ogrove, rúa Jaime Solá Mestre, 9.