Tanxugueiras presenta ao vivo Terra este mércores no Benidorm Fest

Xaneiro 24, 2022

nota:

Tanxugueiras participa esta semana no Benidorm Fest, onde se escollerá a proposta candidata para asistir a Eurovisión 2022. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo de Terra, o último sinxelo do grupo, que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais.

O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña, Resaca, Bailar Agora) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción. “O espectáculo conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos, especialmente apoiada polo vídeo e vestiario”, sinala Iturralde, quen define a proposta como “sinxela, elegante e emotiva”.

No Palau L’Illa, a profesora de danza Silvia Iria Miramontes coordinará os movementos de Tanxugueiras e o coreógrafo e bailarín Fran Sieira é o responsable de deseñar o baile do equipo que estará sobre o escenario. O espectáculo completarao o músico e produtor Iago Pico (responsable de Pouland Studios e co-autor, con Tanxugueiras, de Terra) ao fronte da percusión electrónica. O vestiario é obra do deseñador ourensán Jorge de Álvarez (finalista nos Premios Nacionais á Moda no 2021), mentres que a maquillaxe será unha proposta de Miguel Bling (director ‘You Glow Salon’ y equipo habitual en los programas ‘Gen Playz’ y ‘Dulces y Saladas’). Por último, o espectáculo completarase con audiovisuais da artista visual e creativa galega Marta Verde (profesora no Berklee Collage of Music de Valencia)

A meirande parte do equipo atópase xa desde onte en Benidorm para facer as primeiras probas de vestiario, maquillaxe e posición. Na tarde de hoxe celebrarase un ensaio xeral, no que participarán Sabela Maneiro e Aida Tarrío, quen chega nesta xornada á localidade alicantina. Nas próximas horas sumarase tamén Olaia Maneiro. As cantareiras queren agradecer ao público o seu apoio, especialmente nas últimas xornadas. “Estamos moi agradecidas por todo o cariño das e dos eurofans e do público. Acompáñanos un equipo fantástico e esperamos devolverlle á xente co noso directo toda a enerxía que nos está transmitindo”.

AXENDA