Tanxugueiras “Contrapunto”

Febreiro 06, 2020

Ser case unha referencia en tan pouco tempo está ao alcance de moi poucas. E talvez resulte un feito máis inusual por se tratar dunha proposta musical que nace do tradicional. Así, para entendermos o fenómeno das Tanxugueiras cómpre pensar na conxunción de varios factores. Son tres rapazas amantes da música de raíz e formadas nela, que gostan de combinar os seus rexistros vocais, que o fan con poucos prexuízos e que non deixan de ser fillas do seu tempo. Se batemos todo isto e o servimos cunha naturalidade contaxiosa talvez entenderemos un éxito tal que as fixo encher a Sala Capitol na presentación deste segundo álbum. “Contrapunto” vai consolidar a súa presenza e personalidade pois asumen o risco de coller as rendas e separarse daquel debut marcado pola produción exquisita de Pedro Pascual.

Agora é o percusionista Isaac Palacín quen se alía con elas para xuntos na produción atinaren na aposta por unha gravación reducida a voces e percusións pero nada minimalista en matices e arranxos. Si que resulta inevitábel pensar naquel primer disco de Leilía a mediados do 90, mais tamén sentirmos que as Tanxugueiras chegaron para anovar ese espíritu das cantareiras e as pandeiretas como protagonistas nos palcos. Agora este testemuño entendémolo como “trad”, coa tradición recibindo influencias da chamada cultura urbana. Iso si, sen un feixe de programacións ou samples, pois no sonoro apenas se acompañan puntualmente (e que ben quedan!) de dous instrumentos: a gaita de Edelmiro Fernández en “Autocracia” e o contrabaixo de J. Manuel Díaz en “Miña nena” e “Maltraer”. Asemade, presentan as dez cancións agrupadas por pares, respondendo a un “Contrapunto” entre a parte positiva e a negativa dun sentimento ou unha situación: “Autocracia” e “Albedrío”, “Perfidia” e “Irmandade”, “Miña nena” e “Miña nai”, “O querer” e “Malquerenza”, “Desposorio” e “Maltraer”.

O concepto do disco, os xogos de voces e as percusións precisas conseguen que o resultado non resulte pesado. Ten ese aquel de que nalgún momento vai chegar a quen escoite, porque haberá a quen lle guste todo e haberá a quen só un par de cousas. Porén, o traballo en conxunto emociona desde o empoderamento e o labor entregado dunhas mulleres creadoras e ceibes. A técnica poden tela moitas, pero o carácter, o instinto ou a inquedanza creativa moi poucas. Aínda que haxa que domalo un pouco ou canalizalo, preferimos artistas con tendencia ao risco, non si? Celebremos logo unhas Tanxugueiras talvez máis íntimas ou ambiciosas, sen perderen ao vivo o punto festeiro, e que se apoian nunha posta en escena algo diferente, froito dunha madurez musical sorprendente.

Pepe Cunha, 6-febreiro-2020

AXENDA