Tanxugueiras fan historia no Coliseum, 16-decembro-23

Decembro 18, 2023

foto de Javier Bragado

Histórico vai ser o cualificativo asociado a “O último diluvio”, a fin de xira do terceiro álbum das Tanxugueiras. De seguro era o máis repetido entre as persoas que encheron o recinto para concertos con máis capacidade do noroeste peninsular. O cóctel de crecemento constante, atrevemento, carisma e recoñecemento popular que foron amosando estas mozas levounas co seu equipo só nuns anos daquel berro de “Enchemos a Capitol” ao “Enchemos o Coliseum”, feito inédito para a música cantada en galego.

Así se sentía unha emoción única nun público entre o que atopabamos desde crianzas até avoas, de amantes do tradicional que gañaran desde hai sete anos a fans enganchadas canda o fenómeno eurovisivo. Ademais recoñecimos moitas músicas e xente da cultura que querían compartir un momento soñado, que as propias Tanxugueiras fan extensivo a quen sementaron, a quen acompañamos e a quen seguirán a facer camiño. Mais antes de falar do musical cómpre poñer o foco na calidade estética e visual das case dúas horas nas que non baixou o ritmo, cunhas luces espectaculares e o luxo dos bailes liderados por Fran Sieira e Artur Puga. E non poucas bailadoras agromaron tamén pola pista do Coliseum.

Como en toda a xira de “Diluvio”, Sabela, Olaia e Aida estiveron arroupadas nas percusións por uns tremendos Isaac Palacín e Iago Pico, responsábel do seu son máis recente, mais nestas ocasións especiais adóitase incluír o plus das invitadas. Nestes anos Tanxugueiras están a acumular colabos dentro e fóra do país que podían estar presentes e delas gozamos coas presenzas de Rozalén, Rayden, Guadi Galego ou Muerdo. Até aquí sería un guión máis ou menos habitual, pero tratándose das Tanxu intuiamos que habería máis agasallos e detalles, polo que tamén escoitamos a estrea de cadansúa canción inédita coa canaria Valeria Castro e coas Fillas de Cassandra, proxecto emerxente canda Mondra, que tamén abriu o serán co seu espectáculo. E por se non abondase, enlearon as súas invitadas para faceren ao vivo aquelas “Panaderas” que viralizaran no máis puro estilo tradicional, coas voces e a percusión das mans.

Este foi só un dos varios momentos inesquecíbeis dunha cita sempre coa bágoa contida, coa revindicación con Guadi Galego das mulleres fortes e libres en “Que non mo neguen”; o verso mellor acaido ca nunca “Llegadas hasta aquí sabemos que ya nada es imposible” de “Todo cambia” con Muerdo; unha agradecida Rozalén n“A Virxe de Portovello” porque as Tanxu “provocaron” o seu disco “Matriz” e a encheron de coidados; Valeria Castro tamén cantando en galego na súa nova canción (dispoñíbel o 29 de decembro); a defensa dos dereitos LGTBIQ+ en “Pano corado”; recuperaron esa “Cultura crítica” (cun volume demencial, por certo) que compartiran con NAO e SonDaRúa; reivindicaron o set máis tradi de só voz e pandeiretas; soltáronse a bailar co momento dancehall; e fixeron esa chiscadela a quen as seguen desde hai anos como “¡Qué bonita es Cuba!”. Co transcurso do concerto, a contención das bágoas era cada vez máis difícil, en especial cando as protagonistas acusaban o cansanzo de tanto traballo posto neste evento.

As case 9000 persoas que ateigamos o Coliseum somos testemuñas de que Tanxugueiras marcaron outro fito, sendo unha vez máis elas mesmas: mulleres valentes e traballadoras, sen dobre fío, que se expresan sen corsé, sexa a chorar, rir ou facer bromas entre elas, que saben e reivindican de onde veñen e procuran novos horizontes, que coidan de nós e do noso, que nos fan sentir fachenda da valía e a modernidade das nosas músicas. Quen levamos décadas a soñar cunha noite así para a música en galego só podemos amosar agradecemento. Que a fogueira que prenderon non se apague, así que divulguemos e atendamos os nosos fachos.

Pepe Cunha, 18-decembro-2023

AXENDA