nota:
A banda anunciou os seus próximos concertos, onde o público poderá escoitar en primicia o seu novo traballo, ademais de degustar petiscos nun showcooking maridados co vermú galego Nordesía.
Durante o mes de xuño ofrecerán cinco concertos en enclaves únicos galegos. Talabarte Music and Food é a proposta coa que o trío presentará os temas do seu próximo disco. As actuacións, en lugares exclusivos con concertos íntimos, inclúen a degustación de petiscos nun showcooking maridados co vermú galego Nordesía. Así o explicaron Quim Farinha, violín da banda, e Xoán Cannas, de Nordesía, en rolda de prensa no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o pasdo venres 29.
Segundo relatou Quim Farinha, a xira comezará o vindeiro domingo 7 de xuño cunha presentación e concerto no Dolmen de Dombate ás 12:30 horas. A ese concerto seguirao o seguinte domingo 14 de xuño un paseo en barco pola Ría de Pontevedra con saída as 11:30 horas desde Bueu e ás 12:00 horas desde Portonovo. O domingo 21 de xuño o espectáculo trasládase ao Muiño das Mareas de Muros ás 13:00 horas. O cuarto concerto é ao solpor no Faro de Cabo Vilán ás 20:00 horas e a última actuación da xira será no Pazo da Marquesa, en San Sadurniño o 28 de xuño ás 13:00 horas.
Farinha asegurou que teñen especial interese neste formato porque os ensaios da banda sempre “van acompañados dun bo xantar”, unha combinación de música e gastronomía que Leonardo Da Vinci xa sinalaba como axeitada no seu tempo. En canto aos enclaves elixidos, o músico destacou que buscaron “espazos que soaran ben”, nos que o público ademais terá a oportunidade de facer unha visita para coñecelos mellor.
Xoán Cannas, pola súa banda, sinalou que en Nordesía “somos apaixoados da cociña” e o seu vermú “responde ao carácter atlántico de Galicia”, presente tamén na música de Talabarte. “Tiñamos claro que a xira encaixa nos nosos valores, xa que fala de respeto, de tradición, de sensibilidade”, ademais da súa admiración polo traballo de Talabarte.
As entradas están á venda de forma anticipada a través de info@culturactiva.org, do teléfono 981 582 836 e de puntos de venda locais. O prezo é de 12 euros para todas as actuación excepto a do barco o 14 de xuño, cuxo prezo é de 22 euros.
TALABARTE
Un novo concepto de formación en Galicia, estrictamente acústico e baseado na música tradicional. Talabarte está formado por tres dos intérpretes máis respectados do panorama musical do momento. Falamos de Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual. O primeiro deles, co seu inseparable violín, formou parte da desaparecida Berrogüetto e implicouse ao longo da súa traxectoria cun lote de proxectos e propostas musicais de diferentes naturezas. Pedro Pascual, pola súa banda, é un referente co acordeón diatónico e formou xunto a Ugía Pedreira, Pablo Pascual e Marcos Teira do grupo Marful. Finalmente, Kin García é un sospeitoso habitual das actuacións e xiras de, entre outros artistas, de Susana Seivane. O seu baixo é un dos máis admirados do país.
Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual son un trío imprescindible que conforman unha delicia musical instrumental na que, partindo do folk galego, tocan moitos portos: ritmos mediterráneos, leste europeo ou jazz-improvisación nunha proposta única e chea de talento. Cos seus temas, Talabarte propón unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. O seu repertorio complétase con composicións propias, todo aderezado con distintos enfoques estéticos, que van desde a linguaxe do jazz e do folk, pasando polo tango, até a tradición musical máis europea. Talabarte naceu para unir violín, contrabaixo e acordeón, tres instrumentos que lles permiten expresar o seu talento grazas á relación musical que se establecen entre os seus diferentes sons.
CULTURACTIVA
Culturactiva encárgase da distribución das actuacións de Talabarte. Trátase dunha das principais distribuidoras culturais do país, centrada nos ámbitos teatral e musical. Creada como cooperativa cultural a comezos dos anos 2000, o proxecto foi impulsado por varios profesionais vencellados ao sector. A risa e o humor constituíron a mecha inicial da entidade, xa que artistas como Iván Prado, Pedro Brandariz, Isabel Risco ou Fran Rei constituíron Os Sete Magníficos máis Un, a primeira compañía de clown de Galicia. A partir dese momento Culturactiva, encargouse da súa venda teatral como primeiro reto antes da súa constante medra e a súa dedicación tamén ao mundo da música.
NORDESÍA
Nordesía é un producto de alta calidade que demostra que a paciencia é a clave do éxito. Os seus descubridores traballaron durante tres anos con dous iconos da gastronomía galega:o viño y o oruxo. Partiuse de dúas variedades autóctonas como o mencía e o albariño. O resultado? Vermús feitos en Galicia de calidade superior, con produtos da terra. Nordesía, neste sentido, abriu un Camiño de investigación e desenvolvemento para os produtos galegos xa recoñecido a nivel nacional. Un produto feito en Galicia, como Talabarte, e con calidade para exportar a todo o mundo.